A conselleira do Mar métese de cheo na polémica sobre a mina de Touro

A intervención de Rosa Quintana no Parlamento, na que defendeu a "rigorosidade" do proceso de autorización, acende as críticas de asociacións e partidos da oposición. A conselleira non ten competencias directas para decidir sobre a mina.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/02/2018 | Actualizada ás 10:26

Comparte esta noticia

Rosa Quintana, titular da Consellería do Mar, meteuse de cheo na polémica sobre a posible reapertura da mina de cobre nos municipios de Touro e O Pino. A conselleira, que non ten ningunha competencia directa nesta materia, pois serán Medio Ambiente e Industria as que determinen se o proxecto é ou non é viable. Con todo, e interpelada este mércores polo BNG no Parlamento, Quintana asegurou que o proceso de autorización da explotación minera está sendo "garantista e rigoroso" e defendeu que se sae adiante será exclusivamente porque é viable e non dana a contorna ambiental.

Canles fluviais da zona de Touro contaminadas.
Canles fluviais da zona de Touro contaminadas.

Aínda que non ten voto neste asunto, a Consellería do Mar podería ter voz no Consello da Xunta sobre este asunto, mediante un informe vinculante, como lle solicita o BNG, xa que a proximidade do xacemento mineiro á conca do río Ulla, que verte as súas aguas na ría de Arousa, fixo acender todas as alarmas no sector pesqueiro e marisqueiro, que xa trasladou á Consellería as súas preocupación pola posibilidade de que a actividade mineira termine por afectar a ría, vertendo contaminantes á conca do Ulla que rematen no mar.´

Na súa resposta no Parlamento, a conselleira preferiu meterse en terreo alleo e defendeu a minería como unha actividade que crea "máis valor e máis empregos en Galicia", esquivando os intereses do sector ao que representa, o do mar. Case de perfil, a conselleira pediu aos pescadores e mariscadores  "tranquilidade" ante un proceso que, dixo, estará marcado polo "estrito cumprimento da legalidade vixente", e para o que solicitou "máximo respecto". 

"DESCOÑECEMENTO SEN LÍMITES"

A intervención de Quintana non só suscitou críticas na oposición, tamén en colectivos cidadáns en contra da reapertura da mina de cobre. Así, este xoves a Asociación Aldea Viva salientaba que "a conselleira Rosa Quintana fai gala dun descoñecemento sen límites nas súas declaracións sobre a mina de Touro" 

Mina en Touro.
Mina en Touro.

Aldea Viva considera que "a falta de rigor está a ser a norma dende hai anos en todo o que rodea á denostrada mina de Touro" e que "en absoluto se pode considerar a minería metálica a ceo aberto unha actividade «sustentable» ou «respectuosa» co medio ambiente ao tratarse a extractiva da industria que máis residuos xenera a nivel mundial".

De feito, din, "só en termos de irresponsabilidade política se pode falarse de proceso «garantista» ou «iguroso» e pedirlle tranquilidade á veciñanza cando nas localidades limítrofes e na propia ría de Arousa a preocupación é máxima ao estar en xogo o seu sustento, pois reabrir a mina nas condicións proxectadas e cun risco evidente da presenza de verteduras supón poñer en risco o río Ulla e o propia franxa de mar arousano -da que viven directa e indirectamente máis de 30.000 familias- ao desembocar este curso fluvial nos bancos marisqueiros", argúe esta asociación.

"Falar nos termos nos que o fai a Conselleira Quintana supón, nestas circunstancias, un acto de irresponsabilidade política no que fai gala dun descoñecemento sen límites dos impactos reais da industria extractiva", sentenzan.

A asociación, ademais, convida á conselleira e outros membros da Xunta e do Partido Popular a dar unha volta polo paseo fluvial da capital municipal de Touro e observar o "lamentable estado das augas do río Portapego, tributario do propio Ulla".

Aldea Viva recordar, ademáis, que o Seprona de Andalucía ten aberta dende o pasado mes de decembro unha investigación contra a matriz de Cobre San Rafael, Atalaya Mining, para aclarar o destino de 3.000 millóns de litros de augas ácidas almacenadas no seu proxecto de Riotinto, e que xa non están contidos na corta mineira de Cerro Colorado. Segundo diversas organizacións de defensa ambiental, estes puideron ser vertidos ao dominio público hidráulico sen ningún tipo de tratamento, incumprindo a Autorización Ambiental Unificada (AAU) concedida á mineira.

"Nestas circunstancias cabe preguntarse se a reiterada apelación á «minería sostible» por parte da conselleira Rosa Quintana e outros representantes públicos do seu partido e sei o respecto á normativa vixente e á chamada a tranquilidade por parte da poboación afectada pola mina de Touro, ten algunha validez diante dos feitos que se lle achacan á empresa impulsora do proxecto noutras zonas do Estado", expón Aldea Viva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta