SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2018 | Actualizada ás 13:44 por EUROPA PRESS
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vaia de "ganchete" con "rexións" como Castela e León ou Asturias, e apostou por que Galicia se "suba ao tren das nacións" e logre un financiamento "xusto".
"Levamos moito tempo insistindo en que Feijóo fai todo o que está na súa man para facilitar que Galicia non teña peso, para diluír a Galicia. Non ten ningunha posición de forza e quérenos baixar do tren das nacións", censurou a dirixente nacionalista.
Pontón sinalou que Feijóo, que este luns se reuniu cos presidentes desas comunidades e de Aragón, ten que explicar "como outros países van ter mellor financiamento e Galicia vai pagar unha millonada porque preferiu financiarse polos bancos" en lugar dos créditos do Goberno central.
Para a portavoz nacional do Bloque, Feijóo "é incapaz de defender os intereses de Galicia" e iso leva, dixo, a que Galicia "non conte, perda oportunidades e vaia quedando atrás".
Ademais, a dirixente nacionalista lamentou que Feijóo "fale con todo o mundo menos no Parlamento". "Ningún dos grupos temos nin un só documento sobre a postura do presidente", advertiu, para censurar que se "poña de ganchete con todas as rexións".
"Ou nos subimos no tren das nacións e reclamamos un financiamento xusto e pedimos unha reunión bilateral, ou veremos un novo fracaso", incidiu Pontón, quen sinalou que "se perderá financiamento para a sanidade e, en definitiva, para os problemas que teñen neste país".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.