Ourense, capital europea do termalismo

A cidade acollerá en outubro, por primeira vez, unha reunión da European Historic Thermal Towns Association.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 26/02/2018 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

Ourense acollerá por primeira vez unha reunión, ao máis alto nivel internacional, das cidades termais europeas. Será os días 3, 4 e 5 de outubro, cando se celebrará na cidade galega a asamblea xeral da ETTHA, a European Historic Thermal Towns Association. Para a súa organización, o Concello e a Deputación constituiron este luns un grupo de traballo dentro do Comité de Cooperación constituido entre ambas institucións

Auga quente procedente da xeotermia nas termas de Outariz, preto da cidade de Ourense
Auga quente procedente da xeotermia nas termas de Outariz, preto da cidade de Ourense | Fonte: galiciaunica.es

A EHTTA é a rede termal máis importante de Europa, na que están presentes cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia capital ourensá, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

COLABORACIÓN

Na reunión tamén se avaliou a cooperación desenvolvida entre a Administración local e a provincial, que está cuantificada nestes dous anos e medio por valor de 1,5 millóns de euros. Neste eido contémplanse os dous plans de investimentos postos en marcha polo Concello, así como os novos accesos ao CHUOU e diversas colaboracións en actividades culturais como son o Festival de Cine, o Pórtico do Paraíso, así como eventos deportivos e lúdicos.

O alcalde, Jesús Vázquez Abad, destacou ao remate da reunión que “a cooperación institucional é clave para o desenvolvemento de accións e iniciativas que redunden na mellora integral de Ourense e do seu posicionamento a nivel internacional no eido do termalismo. O Concello ten na Deputación un aliado clave na defensa dos intereses da veciñanza de Ourense”, dixo.

O Comité de cooperación permanente é un órgano único nas súas características no que atinxe á colaboración interinstitucional, que ten como obxectivo dinamizar e optimizar os proxectos de interese común para a capital e a provincia, "cooperando entre as dúas institucións a prol da veciñanza e dos servizos públicos que poñemos á súa disposición”, remarcou pola súa parte o presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta