Denuncian que Abel Caballero "aplica a Lei Mordaza" contra activistas

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia acusa o alcalde de Vigo de utilizar a Policía Local contra eles mediante denuncias e presións.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/02/2018 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, en Vigo, vén de denunciar que o alcalde da cidade, o socialista Abel Caballero, lles aplicou a chamada Lei Mordaza do Goberno central do Partido Popular —criticada por prácticamente toda a oposición, tamén polo PSOE— para "acalar" as protestas deste colectivo. 

Protesta organizada en Vigo pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia co lema “Caballero, o lado escuro das políticas sociais”
Protesta organizada en Vigo pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia co lema “Caballero, o lado escuro das políticas sociais” | Fonte: ODS-Coia.

O pasado 19 de decembro, esta plataforma convocaba unha concentración na avenida de Castelao de Vigo baixo o lema “Caballero, o lado escuro das políticas sociais”. O acto, recordan, "contaba cos permisos pertinentes, porén descoñeciamos que non tiñamos o visto e prace do alcalde". Unha afirmación que se basea nos "comportamento dos axentes da Policía Local que acudiron ao acto e da sanción de cen euros recibida o 26 de febreiro por Esther Lora (avogada e compañeira da ODS-Coia)", relata o colectivo.

Durante aquela concentración produciuse un accidente de tráfico, cun motorista implicado, pero sen graves consecuencias, aínda que suscitou un enfrontamento verbal entre manifestantes e policías.

Agora, expoñen, "amparado na Lei Mordaza", un axente da policía lles comunicou: "A consecuencia de un accidente de tráfico, la denunciada se dirige a viva voz al policía 294106 gritándole: «no estáis haciendo nada», «la culpa es vuestra», generando reacciones entre el público presente al grito de “«mucha, mucha policía!», y provocando que fotógrafos de prensa presentes en el lugar comenzaran a fotografiar a los actuantes".

Uns feitos que supoñen unha “falta de respecto e consideración aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade” e son sancionados cunha multa económica de cen euros, segundo a denuncia.

A ODS-Coia considera que este feitos "en realidade non son máis que a constatación da actitude neglixente dos axentes da Policia Local que acudiron á concentración para regular o tráfico, por imperativo legal e por indicación da Subdelegación, e que tiñan a obriga de garantir a integridade física das participantes, dos viandantes e dos vehículos, por existir un corte de tráfico autorizado; pero seica cando as concentracións se fan no barrio [de Coia] ou para denunciar a miseria das políticas do que lles dá de comer, esa obriga legal desaparece", censuran.

Denuncia da Policía de Vigo.
Denuncia da Policía de Vigo.

Os activistas acusan ao alcalde —ao que chaman "Caballero Vader"— de usar a "represión e mentiras" na súa “exitosa forma de goberno". Consideran que "nunha cidade con superávit non pode ser que teñamos un gasto social precario (tan só 42,43 euros por habitante)", o cal "é sancionable". "Sábeno as compañeiras da Acampada Contra a Pobreza, que levan semanas de acoso por denunciar o maltrato e abandono do goberno municipal ás persoas sen fogar", engaden desde a ODS-Coia.

"Temos a conciencia ben tranquila, e sabemos que as acusacións dos axentes carecen de toda xustificación, e só responden a un intento do alcalde de acalar a protesta da maneira máis vil posible", insisten os activistas, que din que irán ao xulgado a "dirimir as mentiras" e que seguirán "na loita por un modelo de cidade na que todas teñamos garantido unha vida digna".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Cubismo

Psoe=traidores vendisteis a la republica y ahora vendeis los derechos humanos al pp ña culpa es de quien os vota

1 Anti...

Cain sempre foi así e o votaron a maioría dos vigueses, ou sexa a apandar con il.