Por Marcos Pérez Pena | | 06/02/2011
Hai iniciativas illadas e hai proxectos agardando un escenario mellor, hai activistas individuais e bastante xente con intelixencia e ganas de facer cousas, moitos xa as están facendo, a un nivel micro e desconectados entre si. Por que non traballar todos xuntos? Por que non derrubar os marcos? Por que Tempos Novos non lle cede os seus contidos a Galicia Confidencial como facía antes con Vieiros? Por que á inversa reportaxes de investigación publicados en GC ou artigos e informes que ven a luz en GC ou en Altermundo non se publican en Tempos? Por que GZVideos e Radiodifusión non poden poñer os seus contidos audiovisuais ao servizo dun novo proxecto?
A proposta dun novo medio (chámese como se chame, teña o dominio que teña, aproveitando mesmo algúns dos xa existentes), que se debe construír entre todos e dende abaixo, dende a sociedade, dende colectivos sociais, dende os propios profesionais e dende os seus futuros lectores, debe axuntar "todos os disconformes coa hexemonía do Partido Popular debe ser un medio galego para os que desexan cambios no país". O medio debe para iso nacer fóra da influencia dos partidos políticos, non ligarse a ninguén e dirixirse tanto aos simpatizantes de PSOE, BNG coma de EU ou Converxencia XXI, pero sobre todo debe dirixirse á sociedade que cada vez en maior medida non se identifica con ningunha destas opcións. Debe recoller a experiencia pluralista e non sectaria de Vieiros ou dos primeiros meses de ANTdiario, pero debe evitar ser identificado co nacionalismo, debe chegar de forma natural a un público moito máis amplo.
A cabeceira debe ser nova, evitando a tentación de botar viño novo en bocois vellos e quizais demasiado identificados politicamente. O seu xornalismo debe fuxir das axendas oficiais dos partidos e das administracións e debe centrarse na elaboración de poucos contidos pero exclusivos e en profundidade, dando lugar, se cadra, máis a unha revista dixital que a un diario. Debe traballar colaborativamente e sen exclusivismos coas iniciativas xornalísticas e culturais xa existentes, procurando sinerxías e o intercambio e integración de esforzos e produtos.
O novo medio podería ser tamén unha fiestra de difusión da literatura galega (colaborando coa AELG e coa AGE), da música (colaborando con Agaphono), dos creadores audiovisuais (constituíndo unha caste de Flocos, colaborando coas Escolas de Imaxes e Son e as Facultades de Comunicación). Son exemplos, creo que se entende a filosofía. O novo medio podería ser tamén unha fiestra aberta para a rede de colectivos sociais que na actualidade tamén funciona de xeito disperso, nunha caste de 'medio aberto', pero con espazos fixos que eles mesmos se encargarían de encher, se cadra aprendendo da experiencia de Altermundo e das redes formadas no Foro Social Galego e en Galiza non se vende. Polo demais, isto debería complementarse cun deseño atractivo, con moito vídeo informativo de produción propia e cun esforzo de difusión a través dun labor de community manager (vía twitter e facebook, principalmente).
O tema clave: o financiamento. Hoxendía un Vieiros con 5-9 xornalistas, a marxe na que se moveu entre 2006 e 2010, é insostible. Non hai acceso a subvencións, e polo de agora a publicidade na rede achega moi poucos ingresos, mesmo se se traballase ben a ese nivel, con concellos ou algunhas empresas que si se están anunciando, como Gadis ou R. Outra cousa é se o xornal se complementase cunha empresa de servizos de comunicación, creación e xestión de páxinas web, etc. E outra cousa sería tamén dar o paso de comezar a cobrar por certos contidos, nunha caste de edición freemium, deixando abertos os contidos máis xeralistas e superficiais e reservando para os subscritores as reportaxes de investigación ou os vídeos exclusivos. Ese é outro tema.
Outra vía posible de ingresos serían as microparticipacións dende colectivos sociais e cidadáns para a constitución dun medio alternativos. A experiencia de El Cosmonauta amosa a viabilidade deste tipo de procesos se se traballan axeitadamente, con eventos de crowdfunding e facendo partícipes aos lectores da construción do novo medio. Cómpre desbotar a idea de crear de entrada unha redacción (aínda que eu sigo crendo nas redaccións) e apostar polo traballo en rede, mesmo sen a necesidade dunha sede física. A fórmula é o de menos, dende unha pequena S.L. até unha cooperativa na que poderían participar un número grande de persoas achegando traballo (no caso dos xornalistas) e pequenas achegas de capital (os propios lectores, así coma colectivos da sociedade civil).
Trátase de crear un núcleo de dúas ou tres persoas que traballen de xeito estable (pero non a tempo completo necesariamente) e que coordinen unha rede de colaboradores que realicen labores técnicas ou xornalísticas de xeito estable pero con dedicación limitada e cobrando por horas (así coma unha rede máis ampla de colaboradores esporádicos ou de opinadores, blogueiros, críticos...). Hai cada vez máis xente que xa está traballando como autónomo, de xeito legalizado ou non, tanto para realizar labores de comunicación, servizos audiovisuais ou outros traballos técnicos ou de deseño... Trataríase de que tamén fixesen ese traballo para este medio, igual que para outros pagadores, pero sen que se convirta na súa actividade principal. Para facer bo xornalismo hai que dedicarlle moitas horas, e ese traballo hai que pagalo.
Por suposto, estas non son máis que ideas, algunhas se cadra moi inxenuas e irrealizables, e outras contidas e cautelosas de máis. Algunhas son moi obvias e todos as temos no maxín, e outras están abertas a discusión. Somos moitos os que compartimos o obxectivo final, aínda que os camiños para chegar a el son múltiples. Cómpre un debate aberto, amplo e horizontal, pero cómpre sobre todo decisión e ganas de arriscar e de traballar. Hai necesidade dun novo medio dixital e hai espazo social e lectores para el (mesmo lectores que nalgún momento estarán dispostos a pagar por contidos de auténtico interese), tamén comezará a haber publicidade para el.