O Colexio de Xornalistas condena a agresión aos informadores diante da casa dos 'Charlíns'

O organismo colexiado considera este tipo de ataques unha maneira de culpabilizar os e as informadoras por realizaren o seu traballo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2018 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

O Colexio de Xornalistas condena a "lamentable" agresión a un fotógrafo e a unha reporteira fronte á entrada á casa da familia do clan dos 'Charlíns' asaltada o mércores en Vilanova de Arousa . En concreto, nun vídeo gravado no lugar o mércores após a agresión sufrida pola mañá polo patriarca do clan, Manuel Charlín, e un dos seus fillos, outro dos seus vástagos increpou aos comunicadores que se atopaban fronte á casa onde sucedera o asalto e golpeou a un fotógrafo e tirou o móbil e o micrófono a unha reporteira.

Reporteiros gráficos e xornalistas
Reporteiros gráficos e xornalistas | Fonte: Miguel Núñez

No vídeo pode verse como primeiro un dos fillos de Manuel Charlín, xunto a outros familiares, increpa aos informadores situados fronte á vivenda na vía pública. Nun primeiro momento achégase vun fotógrafo ao que golpea nas costas e, após zafarse este, o persegue ata que median outras persoas presentes. Posteriormente diríxese a unha reporteira que está nas proximidades, á que increpa e, cun lapote, tíralle ao chan o micrófono e un teléfono móbil.

O Colexio de Xornalistas lamentou que a familia Charlín, con "varios dos seus membros condenados por delitos de narcotráfico", culpe "á prensa e á serie de televisión 'Fariña', da agresión" que o patriarca do clan e un dos seus fillos sufriron este mércores pola mañá.  A agresión levounos a recibir atención sanitaria no Hospital do Salnés.

"O Colexio de Xornalistas non pode senón condenar estes lamentables actos, que representan un ataque máis aos xornalistas no desempeño do seu labor", denuncia a entidade colexial. Ademais, lembra que a lei "establece que o dereito á información prevalece sobre o dereito á imaxe cando esta se capta con fins informativos e sobre un suceso de actualidade".

LIBERDADE DE INFORMACIÓN

Por iso, "a estratexia de culpar aos informadores do asalto producido non é máis que un modo de atacar ao mensaxeiro" e, subliña, "atenta contra a liberdade de información". Neste sentido, a entidade colexial expresou a súa solidariedade cos profesionais agredidos e lembra que "para a necesaria convivencia entre o dereito á información e o dereito á imaxe é imprescindible un escenario libre de violencia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta