Temas: XUSTIZA FOLGA

Folga na Xustiza: quen convoca a quen para solucionar o conflito?

A Xunta di que volverá convocar os sindicatos esta semana "con toda a intención de pechar un acordo". Ao mesmo tempo, os funcionarios anuncian que enviarán diariamente unha carta á Xunta para unha nova reunión e evitar "acabar sen acordo".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/04/2018 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

O conflito entre a Xunta de Galicia e os funcionarios da Xustiza mantense sen que haxa nin unha soa pegada que faga albiscar unha solución que acabe coa folfa indefinida, iniciada o pasado 7 de febreiro. O esperpento é de tal magnitude, que no mesmo día e case ao memos tempo que o vicepresidente Alfonso Rueda, anunciou que "esta mesma semana" volverá convocar aos sindicatos  "con toda a intención de pechar un acordo", os sindicatos da Xustiza instaban á Xunta a "chegar a un acordo" , para o cal anunciaban que diariamente enviarán unha carta dirixida precisamente a Rueda, para conseguir unha nova reunión e evitar "acabar coa folga sen acordo". Un bo exemplo de que as canles de comunicación directa están rotas.

Juzgado vacío en la primera huelga de la justicia en Galicia
Juzgado vacío en la primera huelga de la justicia en Galicia

Na misiva, os empregados públicos da Xustiza non fixan unha data concreta para unha nova reunión —o último encontro foi o 26 de marzo—, senón que o que buscan é que sexa a Xunta a que "cando queira, mellor se é canto antes", proceda a concertar unha reunión cos sindicatos.

Así o anunciou Pablo Valerias, portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, nunha rolda de prensa celebrada nunha das salas da Antiga Audiencia Provincial da Coruña, á que acudiu un gran número de compañeiros, todos eles ataviados cunha camiseta azul coa lema 'Xustiza en Loita'.

Practicamente ao mesmo tempo, o vicepresidente Rueda anunciaba que "esta mesma semana" volverá convocar aos sindicatos "con toda a intención de pechar un acordo". "Sempre dixemos que estamos abertos a unha negociación e esta mesma semana terá lugar esa reunión; eu agardo que por fin sexamos capaces de pechar un acordo", ratificou nun acto en Pontevedra.

QUEN DI A VERDADE?

Así as cousas, se ambas as partes din estar dispostas a negociar, por que non o fan?

Os funcionarios instaron á Xunta a retomar a negociación e a "non acabar coa folga sen acordo". "A Xunta pretende facer unha guerra de desgaste", critican os sindicatos, que insisten en que tanto o comité como os traballadores queren chegar a un acordo para "volver ter unha Xustiza de calidade".

Por iso, os funcionarios piden á Xunta que escoite as súas demandas e avogan por terminar cos máis de dous meses de folga indefinida cun proceso de negociación que achegue solucións "satisfactorias" para todos.

Ao mesmo tempo, o número dous do Goberno galego non aclarou a data exacta do novo encontro que propón, limitándose a sinalar que aínda non foi fixado. "Vai ser esta semana, sen ningunha dúbida, e eu espero que máis pronto que tarde", indicou.

Dito isto, lembrou que a última proposta que a Xunta puxo sobre a mesa "cumpre con todo o que pediron" os sindicatos inicialmente e sitúa os funcionarios galegos "por enriba da media" na táboa salarial das comunidades autónomas. Así, remarcou que a Xunta "sempre" dixo que esa é "a base" para negociar e, con esa base, "tentará pechar un acordo".

"A Xunta de Galicia nunca estivo pechada a iso e aí estamos outra vez", manifestou o vicepresidente, quen, en todo caso, reiterou unha vez máis que, ao seu xuízo, "hai algún sindicato que non ten interese en que se peche o acordo". "Digo algún e son sete", recalcou, antes de puntualizar que tamén está seguro de que "a maioría" si quere solucionar o conflito.

PROPOSTAS E SEGUIMENTO Á ESPERA DE CONVOCATORIA

En concreto, á espera dunha nova convocatoria para tentar desatascar un conflito que segue enquistado, a Xunta mantén sobre a mesa unha proposta que se traduciría nunha suba salarial mensual de 135 euros ao mes para forenses, 133 para xestores, 108 para tramitadores e 105 para corpos de auxilio, lonxe dos 180 lineais para todos os corpos, con efectividade en dúas anualidades, que propoñen os sindicatos, tras rebaixar as súas demandas.

O Goberno galego reivindica que esta oferta (que se aplicaría ao complemento autonómico transitorio do persoal de xustiza), sumada ao incremento pactado en Madrid para todos os empregados públicos do Estado, supón unha subida dun 14% —-máis de 300 euros máis ao mes—. Rueda pediu "reflexión" aos sindicatos e subliñou que non se negociará fóra deste "marco económico" proposto pola Xunta.

Mentres, os sindicatos manteñen que o seguimento da folga continúa sendo "moi alto", dado o que se prolongou, "por enriba do 70%" de media en Galicia, e a Xunta rebaixouno nesta xornada ao 29,07%, sinalando que participarían no paro 798 traballadores.

"O RESPONSABLE É FEIJÓO"

Entre tanto, o asunto volveu a ter presenza na Cámara autonómica, onde o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, reivindicou que a Xunta "negociou" e, acerca de se o presidente, Alberto Núñez Feijóo, debería poñerse á fronte da negociación, defendeu que a Xunta "fai o que ten que facer" e que están a dialogar os dirixentes que coñecen a materia "de forma máis próxima e técnica".

"A Xunta e o vicepresidente están a defender o interese da comunidade nun conflito no que uns representan o interese sindical, ou sexa sectorial, e a Xunta ten que defender o interese xeral", concluíu.

Con todo, para o portavoz de En Marea, Luís Villares, o "responsable" de que o conflito da Xustiza converteuse na "folga máis longa" na Administración pública ten "nomes e apelidos": Alberto Núñez Feijóo, ao que acusa de "agocharse" para "non dar a cara" por unha situación que provocou a suspensión de "máis de 20.000 actuacións" nuns servizos "xa de seu colapsados".

A continuación, acusou ao Goberno galego de escudarse en "razóns orzamentarias" para non atender as reclamacións dos funcionarios, un argumento "débil" para Villares, que apuntou que o Executivo autonómico dispón de ferramentas para asumir as melloras salariais que piden os funcionarios.

Con todo, matizou que as razóns dos traballadores para manter unha folga non se reducen a unha cuestión de "diñeiro", senón que tamén van na liña de mellorar un servizo de Xustiza. Concluíu que, se el estivese no lugar de Feijóo, "si asumiría as reivindicacións" dos funcionarios.

Tamén se referiron a este conflito nacionalistas e socialistas. Así, a líder do BNG, Ana Pontón, lembrou que esta folga xa se estende máis de dous meses, "mentres Feijóo segue atrincheirado na súa posición, negándose a negociar e paralizando a Xustiza".

Fronte iso, instou ao presidente da Xunta a "saír do seu castelo" e "pisar a rúa", xa que "leva 20 días sen querer negociar". "Que dea a cara e deixe de agocharse detrás de Rueda, que demostrou a súa insolvencia para dar unha saída negociada ás lexítimas demandas dos funcionarios", concluíu.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que o paro "dura demasiado" e "está a ocasionar un grave quebranto de todo o funcionamento do sistema xudicial", con consecuencias en "miles de cidadáns".

Todo iso, indicou, ante a "incapacidade da Xunta para atender de forma adecuada as reivindicacións dos traballadores". "Hai unha sensación de orfandade, de deixamento e distancia entre o poder e os traballadores", lamentou o socialista, quen chamou a "apurar a negociación sen horas, sen poñerse un horizonte".

OS PROCURADORES

Pola súa banda, a Xunta de Goberno do Colexio de Procuradores da Coruña instaron aos funcionarios e á Xunta a "retomar" a negociación e a non "levantarse" da mesma até alcanzar un acordo ante unha situación "insustentable".

Nun comunicado, expresan a súa "repulsa, fartura e cansanzo pola situación de paralización que atravesan os xulgados galegos que excede o límite do admisible e tolerable".

Por iso, instan as partes inmersas no conflito, "que é de todos", remarcan, para que exerzan "as súas respectivas responsabilidades e desde a perspectiva do interese xeral da sociedade e da Administración de Xustiza procedan de maneira inmediata a retomar a mesa de negociación, non levantándose da mesma até alcanzar un acordo definitivo que poña fin a esta lamentable situación, acordo que deberá incluír, necesariamente, as medidas necesarias que corrixan os perniciosos efectos que a curto, medio e longo prazo produciu a paralización de xulgados e tribunais", indicou.

Tamén lembra que no comunicado que emitiu o pasado 21 de febreiro xa advertiu da necesidade "en aras do interese xeral da sociedade, da cidadanía e do adecuado funcionamento da Administración de Xustiza retomar o diálogo e que se acade un acordo satisfactorio".

Co seu novo comunicado, sinalan que queren expresar "o sentir unánime do colectivo ao que representamos que non difire, así o entendemos, do sentir doutros colectivos integrados na Administración de Xustiza e da sociedade en xeral".

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta