A Xunta muda o mapa e as adxudicacións do transporte en Galicia

Pide achegas para un proxecto que mantén a aposta polo transporte compartido e aspira a renovar unha frota de case 3.000 buses.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2018 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves que o Executivo autonómico dá "un paso máis" na "modernización" do transporte público por estrada ao iniciar a tramitación do futuro plan que suporá unha reorganización completa das liñas do transporte por estrada en Galicia.

Consello este xoves
Consello este xoves | Fonte: Europa Press

Así, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé nos próximos días someter a información pública as bases estratéxica do proxecto. O obxectivo é que os distintos colectivos implicados, usuarios e concellos, poidan realizar "achegas" para o novo mapa do transporte público galego.

Ao termo do Consello da Xunta, Feijóo destacou que Galicia se converterá na primeira comunidade en activar a modernización integral da rede autonómica de servizos de autobús. O Executivo cumpre así o mandato da UE e da propia lei autonómica de 2016 de renovar o conxunto das concesións de transporte público por estrada mediante un concurso público aberto que deberá estar resolto en decembro do próximo ano 2019.

En concreto, segundo o cronograma co que traballa a Xunta, a previsión é que no verán do ano 2019 se liciten as novas concesións, co fin de que, a finais dese mesmo ano, poidan estar executadas. Feijóo explicou que os prazos de adxudicación "adiantaranse un pouco" para os contratos adxudicados en agosto do ano pasado e que terían que entrar en vigor antes.

"Galicia arrincará 2020 con todas as liñas melloradas e bastantes autobuses novos", sentenciou o presidente galego, tendo en conta que está previsto que o plan supoña a renovación dunha frota de case 3.000 autobuses.

Autobús de Monbús
Autobús de Monbús | Fonte: wikimedia

TRANSPORTE COMPARTIDO E CON TAXIS E MICROBUSES NO RURAL

Na súa intervención, o presidente galego recalcou que o obxectivo do plan é "aproveitar a oportunidade" que representa o fin das antigas concesións para despregar un sistema de transporte público "sustentable e capaz" de responder "con maior eficacia" ás necesidades tanto no rural como nas contornas urbanas.

Feijóo recalcou que o obxectivo é que o transporte público "se use" e optimizar as liñas para que haxa rendibilidade no investimento de fondos públicos. Con tal fin, o departamento de Infraestruturas iniciou xa "un exhaustivo estudo" das necesidades de mobilidade do territorio galego, que inclúe "un amplo traballo de campo".

Nas áreas nas que resulte "eficaz", profundarase nas modalidades implantadas o pasado verán en parte do territorio galego, como o transporte baixo demanda ou o autobús escolar compartido, "garantindo sempre a atención prioritaria aos escolares e a figura do acompañante". Ademais, apostarase pola prestación dos servizos de transporte con microbuses e taxis nas zonas rurais nas que este tipo de vehículos sexa suficiente para atender a demanda.

CLÁUSULAS SOCIAIS

Nas contornas urbanas, manterase o 'Plan de transporte metropolitano', coa 'Tarxeta Xente Nova', como programa social que fomenta o emprego de sistemas de mobilidade colectivos fronte ao vehículo particular.

A Xunta procurará a máxima implicación das administracións locais e provinciais para que os servizos de transporte alcancen "a maior cobertura territorial" e se "blindarán" as cláusulas sociais acordadas entre a Xunta e os sindicatos o pasado verán, "reforzando as garantías de subrogación de case 5.000 traballadores".

GLORIETA DE ACCESO Á DEPURADORA DE GUILLAREI

Por outra banda, na reunión de Goberno deste xoves autorizouse as expropiacións para a construción dunha glorieta de acceso á depuradora de Guillarei, en Tui (Pontevedra), co fin de aumentar a seguridade viaria.

O Executivo autonómico financiará esta actuación, cuxa licitación se prevé nas próximas semanas, mediante a achega económica de máis de 316.000 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta