Temas: XUSTIZA FOLGA

Os sindicatos da Xustiza que rexeitan a oferta do Goberno chaman a retomar a unidade tras o desplante da Xunta

A Administración non acode ao encontro na EGAP, edificio ao que os sindicalistas non puideron acceder.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2018 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

Os sindicatos da Xustiza que rexeitan a actual oferta da Xunta —Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG— fixeron un chamamento ás demais organizacións que integran o comité de folga —SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.— para retomar a unidade despois de non seren recibidos este mércores pola Xunta.

Os sindicatos atenden aos medios ás portas da EGAP
Os sindicatos atenden aos medios ás portas da EGAP | Fonte: Europa Press

Estas tres centrais acudiron na mañá deste mércores á sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, lugar ao que convocaran á Xunta para retomar as negociacións para pór fin ao paro indefinido no sector. Con todo, ninguén da Administración autonómica acudiu ao encontro.

Ás portas da EGAP, edificio ao que non se lles permitiu acceder, o portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, Pablo Valeiras, considerou que a ausencia dos representantes da Xunta na cita programada por estes sindicatos demostra que o vicepresidente, Alfonso Rueda, é "un mentireiro" xa que, segundo indicou, dixo que "sentaba" se as organizacións "aceptaban unha interrupción" da folga.

"Un político que non cumpre o que di é evidente onde ten que estar", manifestou antes de volver pedir a dimisión do tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

CHAMAMENTO Á UNIDADE

Así mesmo, Valeiras, que compareceu ante os medios acompañado por Enrique Araújo (STAJ) e Óscar Freixido (CIG), considerou necesario "retomar a unidade" sindical entre as organizacións que integran o comité para conseguir unha saída á folga indefinida iniciada o pasado 7 de febreiro.

Ademais, asegurou que, a pesar das diferenzas, este órgano "non está roto" tendo en conta que as organizacións que aceptaron someter á votación dos traballadores a oferta da Xunta "non desconvocaron a folga" a pesar de ter a "maioría" tendo en conta que son catro de sete sindicatos.

Á sede da EGAP tampouco puideron acceder este mércores dous delegados de UXT que acudiron ao lugar para facer trámites administrativos e que coincidiron no punto con estas tres organizacións sindicais.

Precisamente, o portavoz de UXT no sector, Manuel Díaz, precisou que acudían ao lugar por motivos alleos á reunión tendo en conta que, como lembrou, o seu sindicato puxo "como condición" que as reunións estivesen convocadas pola Administración autonómica.

Por iso, criticou que non se lles permitise acceder á sede da EGAP, á que acudían para "facer trámites urxentes relacionados cun expediente disciplinario". "Terán que dar —-a Xunta— explicacións de por que se nos está prohibindo o paso como delegados sindicais, como cidadáns ou como funcionarios da Xustiza", manifestou.

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta