Economistas piden apostar máis forte en Galicia polos parques eólicos de propiedade pública municipal

182 concellos solicitaron a aprobación de anteproxectos de parques eólicos singulares municipais; porén, só hai 13 activos en todo o país. Economistas da Universidade de Vigo critican que "a Xunta de Galicia non apostou o suficiente por esta clase de centrais" de iniciativa pública.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 28/05/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Non toda a anerxía eólica está en mans de grandes empresas privadas; unha pequena parte dos parques instalados en Galicia é de propiedade pública e contribúe ao desenvolvemento local. Son os chamados parques eólicos singulares. O primeiro parque eólico municipal de Galicia inaugurouse o 8 de setembro de 2005 no monte Meda, en Padrón. Porén, e malia os demostrados impactos económicos positivos que teñen estas instalacións na economía local, os parques eólicos singulares tiveron un desenvolvemento moi discreto en Galicia: actualmente só hai 13 activos en todo o país, cando son 182 os concellos galegos —case o 60% das entidades municipais galegas— os que solicitaron a aprobación de anteproxectos de parques eóllicos singulares. Así o salienta un estudo asinado por investigadores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.

Parque eólico de Malpica.
Parque eólico de Malpica.

Nun artigo titulado 'Enerxía eólica e desenvolvemento local en Galicia: Os parques eólicos singulares municipais' —publicado na Revista Galega de Economía, que edita a Universidade de Santiago—, o investigador posdoutoral Damián Copena Rodríguez e o profesor de Economía Aplicada Xavier Simón Fernández —responsable do Grupo de Investigación en Economía Ecológica y Agroecología— defenden a instalación de parques eólicos singulares municipais para o desenvolvemento local.

Os economistas critican as restricións de potencia marcadas, os problemas de inseguridade xurídica e a lentitude dos procedementos de autorizacións administrativas.

Os autores lembran que Galicia foi pioneira en España na promoción dos parques singulares, "figura que nace no ano 2001" e que "agromou de facto como a primeira oportunidade para que os municipios tivesen a posibilidade de ser promotores das centrais eólicas a nivel galego, cunhas condicionantes importantes como unha reducida potencia instalada e a súa vinculación co autoconsumo enerxético", expoñen os investigadores. 

Así, "o marco regulador posibilitou de facto autonomía aos concellos á hora de xestionar os parques eólicos municipais", os cales, proseguen os economistas, "concedían potencialidades para a obtención de rendas, sobre todo para os concellos rurais con pouca capacidade para xerar ingresos e con escasa actividade empresarial". 

Parques distribuídos por todo o territorio galego, segundo a Asociación Eólica Empresarial
Parques distribuídos por todo o territorio galego, segundo a Asociación Eólica Empresarial | Fonte: AEE.

En definitiva, a propiedade municipal das centrais renovables podería ter aberto novas vías de impulso sustentable a economías locais. "O xurdimento desta nova figura eólica xerou grande interese por parte dos concellos galegos que participaron nas diferentes convocatorias desenvolvidas ao abeiro do Decreto do que partiu a creación das centrais eólicas singulares", recordan os expertos. 

Porén, "esta clase de parques singulares para os municipios non tivo a repercusión inicialmente agardada debido, principalmente, ás restricións de potencia marcadas na definición da figura, aos problemas de inseguridade xurídica e á lentitude dos procedementos de autorizacións administrativas das instalacións admitidas a trámite no seu momento", lamentan os autores do estudo. O dato é demoledor: polo menos 182 concellos, o 62% do total de Galicia, presentaron propostas ás convocatorias anuais desenvolvidas ao abeiro do Decreto 302/2001, pero en todo o territorio só hai 13 parques singulares activos. 

"A Xunta de Galicia non apostou o suficiente por esta clase de centrais que vinculaba a expansión eólica coa propiedade das centrais por parte dos concellos".

Os economistas sinalan directamente o Goberno galego como responsable de poñer o freo ao desenvolvemento da eólica municipal: "A Xunta de Galicia non apostou o suficiente por esta clase de centrais que vinculaba a expansión eólica coa propiedade das centrais por parte dos concellos. Deste xeito, entre as escasas convocatorias anuais, os conflitos xudiciais e os cambios retributivos e normativos existentes, só hai na actualidade 13 parques eólicos singulares en funcionamento desenvolvidos por concellos galegos, aínda que existe un conxunto de parques eólicos singulares promovidos por concellos nalgunha fase de tramitación administrativa agardando poder desenvolverse nos vindeiros anos", describen os investigadores da Universidade de Vigo.

IMPACTO ECONÓMICO 

O estudo asinado por Copena e Simón parece evidenciar que os parques eólicos municipais en funcionamento teñen impactos económicos positivos na economía local: "Proporcionan contías monetarias para concellos rurais, polo que a súa importancia específica a nivel local pode considerarse como significativa", comentan.

Estes parques en funcionamento apostaron pola concesión das centrais eólicas a terceiros dos que, apuntan os investigadores, "se derivan ingresos a partir de cantidades que soen combinar pagamentos fixos e variables vinculados cunha porcentaxe da facturación das centrais singulares". 

A análise dos resultados para os concellos, coa unidade comparativa euros/megawatt, amosou aos economistas que "existen fluxos de renda para as arcas municipais que van desde os 19.000 €/MW ate os 47.000". Os expertos recoñecen que "estas cantidades son cativas se as comparamos con exemplos doutros lugares do mundo e cos ingresos derivados da imposición municipal"; tamén que "están moi condicionadas polos límites normativos establecidos á figura eólica e polos mecanismos de xestión escollidos polos gobernos municipais". Con todo, consideran que "estes fluxos de renda derivados dos canons anuais totais están a ser relevantes localmente nalgúns dos concellos rurais que contan con dificultades para xerar ingresos propios".

"A aposta pola propiedade pública municipal das centrais eólicas favoreceu nas áreas onde se implantaron os parques eólicos municipais un maior reparto dos beneficios derivados da produción renovable entre outros axentes, alén das empresas privadas que tiñan conseguido un Plan Eólico Empresarial", proseguen na argumentación os economistas.

"Se a totalidade das peticións municipais tivesen cristalizado en parques de propiedade municipal, os concellos poderían terse convertido nun axente importante na produción de enerxía renovable en Galicia".

FACTORES LIMITADORES

Os expertos sinalan varios factores limitadores que "impediron unha maior 'democratización' do negocio eólico en Galicia a partir da propiedade local das centrais eólicas".

O primeiro elemento que sinalan estaba xa contido na propia normativa reguladora dos parques eólicos singulares ao fixar unha limitación de potencia máxima de 3 MW para cada proxecto. "Nun país que tiña admitidos a trámite a principios da década pasada máis de 3.000 MW e nos que a maioría dos parques eólicos se situaban en potencias entre 30 e 50 MW, un parque eólico de 3 MW sempre sería algo cando menos anecdótico", valoran.

Aínda así, subliñan que "se a totalidade das peticións municipais tivesen cristalizado en parques eólicos de propiedade municipal, os concellos si poderían terse convertido nun axente importante na produción de enerxía renovable en Galicia; mais tampouco foi así", lamentan.

Nisto tivo que ver o feito de que o deseño do proceso de implantación dos parques singulares "vinculaba a obtención de dereitos á selección de anteproxectos en convocatorias anuais nas que o Goberno galego establecía límites absolutos de potencia máxima a admitir a trámite". A primeira convocatoria para estes parques, recordan, tivo lugar en outono de 2002 e fixaba inicialmente unha potencia máxima prevista para o conxunto de parques eólicos singulares (non só os municipais) de 25 MW, posteriormente ampliada ata os 50 MW. Naquel momento houbo 79 concellos con interese en desenvolver un parque singular, sumando 204,25 MW de potencia.

No verán de 2003 foi resolta a primeira convocatoria para os parques eólicos singulares en Galicia, admitindo a trámite un total de 16 proxectos municipais.

Na seguinte convocatoria, en 2004, ocorreu o mesmo: pouca potencia ofertada inicialmente (25 MW), ampliación posterior (a 50 MW), moitas solicitudes de concellos (até 106) e un número final de só 21 proxectos admitidos a trámite computando por unha potencia total de 47,65 MW.

O resultado final destas dúas primeiras convocatorias son clarificadores para os investigadores: 37 parques eólicos singulares municipais admitidos a trámite e 87,85 MW. Situación á que se chegou en 2004, nun ano previo ás eleccións autonómicas, "que se antollaban moi disputadas e con algunha posibilidade de mudar no goberno da Xunta despois de 16 anos de maiorías absolutas do partido conservador, despois do episodio do goberno do partido socialista", contextualizan os economistas.

Os autores do estudo critican "as presas de última hora" que tivo o Goberno do PP en 2004, polo "medo a perder as eleccións", e que derivaron nunha "inseguridade xurídica" no sector eólico.

Os investigadores consideran que este contexto é importante para entender o que ocorreu nese momento en relacións aos parques eólicos singulares, xa que "o Goberno galego mudou a súa estratexia e, nun afán de contentar a moitos concellos, non o podemos entender doutra forma dados os antecedentes que vimos comentando, decidiu a finais de 2004 ofertar inicialmente de 100 MW, potencia posteriormente ampliada a 307 MW".

Naquela convocatoria chegáronse a presentar propostas de 153 concellos, dos que foron seleccionados 114 proxectos cunha potencia acumulada de 271,75 MW. É dicir, tres veces máis potencia que a suma das dúas convocatorias anteriores, ás portas dunhas eleccións.

Entre as dúas primeiras convocatorias e aquela terceira, o total de potencia asignada aos concellos foi de 359,6 MW, unha cifra que os expertos consideran "moi importante", xa que "representaría arredor do 10,7% do total de potencia en funcionamento no ano 2017 se se tivesen desenvolvido o conxunto de centrais municipais admitidas a tramitación".

Sen embargo, xurdiu un "problema insalvable", que non foi outro que "a inseguridade xurídica que provocaron aquelas presas de última hora dun goberno que tiña medo a perder as eleccións, e que perdeu finalmente, e un novo goberno que fixo da enerxía eólica unha das súas bandeiras", o que conformaron PSdeG e BNG, o coñecido como bipartito.

"Esa inseguridade xurídica substánciase nun proceso de anulación da convocatoria express de 2004 iniciado en 2007 e nunha posterior sentenza de 2009 que anulou o realizado en 2007. Como consecuencia destes factores, os parques eólicos singulares en Galicia non alcanzan unha dimensión global de importancia malia as expectativas que se xeraron a partir do interese experimentado polas entidades municipais. Xa que logo, o obxectivo da 'democratización' do negocio eólico non se alcanzou na súa totalidade e os impactos económicos no medio local tampouco son de envergadura, a pesares da existencia dunha bolsa de MW de parques eólicos singulares que se atopan autorizados ou admitidos a trámite e que teñen posibilidades de seren desenvolvidos nos vindeiros anos", detallan os investigadores da Universidade de Vigo.

Os economistas cren que "esta foi unha oportunidade perdida para fortalecer os concellos rurais a partir dun recurso natural renovable existente nos seus municipios, nun contexto social e económico dificultoso".

Con todo, cren que "a figura dos parques eólicos singulares municipais pode aínda reinventarse e volver aparecer como un modelo de interese para o desenvolvemento da enerxía eólica no territorio galego, favorecendo por unha banda a consecución dos obxectivos de política enerxética e, pola outra, a obtención de rendas que favorezan a dinamización local por parte das administracións municipais".

Para conseguilo, serán claves as novas políticas públicas que regulamentarán a produción de electricidade mediante o aproveitamento do vento nos vindeiros anos, xa que "teñen na súa man mellorar a figura dos parques eólicos singulares e conseguir fortalecer as posibilidades de desenvolvemento local dos concellos galegos a partir do aproveitamento dun recurso local e renovable", conclúen os expertos.

Os 13 parques eólicos singulares municipais en funcionamento suman tan só o 1,04% dos megawatts totais con acta de posta en marcha no territorio galego.

SITUACIÓN ACTUAL E EFICIENCIA DOS PARQUES MUNICIPAIS

Na actualidade hai só 13 parques eólicos singulares municipais en funcionamento con 25 aeroxeradores asociados que suman unha potencia de apenas 34,80 MW, o que equivale a tan só o 1,04% dos MW totais con acta de posta en marcha no territorio galego. Pola súa banda, os parques eólicos singulares de concellos autorizados son un total de nove cunha potencia agregada de 24,35 MW, o 2,82% da potencia total autorizada. Finalmente, as instalacións singulares municipais admitidas a trámite, debido á anulación das resolucións e o retrotaemento dos procedementos das convocatorias previas, son 16 centrais cunha potencia acumulada de 32,20 MW.

Parques eólicos singulares municipais en funcionamento en Galicia, a maio de 2017 [fonte: Revista Galega de Economía Vol. 27-1 (2018)]
Concello promotor Nome do parque eólico singular Potencia (MW) Número de aeroxeneradores Potencia unitaria aerox. (kW)
Padrón   PES Padrón  1,70 850
Vimianzo  PES O Barrigoso  3,00  2 1.500
Ponteceso  PES Monte da Barda  3,00  1.500
As Somozas  PES Monte das Augas  3,00  3.000
Arbo  PES Arbo  2,70  1.500
Lalín  PES Lalín  3,00  750
Ortigueira  PES Ortigueira  2,90  2.000; 900
As Neves  PES As Neves  2,40  3 800
Arteixo  PES Arteixo  2,00  2.000
A Pobra do Caramiñal  PES Pobra do Caramiñal 3,00  1 -
Porto do Son  PES Porto do Son  3,00  3.000
Cerceda  PES Cerceda  2,55  1.670
Nogueira de Ramuín  PES Nogueira de Ramuín  2,55  2.000; 850

Por provincias, aos economistas chámalles a atención a inexistencia de parques eólicos singulares municipais con acta de posta en marcha na provincia de Lugo e que só haxa un (o de Nogueira de Ramuín) en funcionamento na provincia de Ourense. A Coruña é claramente a provincia líder neste ámbito, con 9 das 13 centrais eólicas municipais en funcionamento a maio de 2017 (últimos datos manexados neste estudo).

A eficiencia enerxética dos parques eólicos singulares municipais atópase "entre as máis elevadas de toda Galicia".

"A inseguridade xurídica, provocada polas presas dun goberno débil diante dunhas eleccións e pola politización excesiva das decisións administrativas; as escasas convocatorias anuais realizadas e a lentitude coa que avanzaron os procesos administrativo, dificultaron e limitaron o desenvolvemento desta clase de centrais eólicas específicas. Sen embargo, a dia de hoxe existen centrais eólicas singulares en funcionamento no territorio galego que están a xerar impactos económicos locais", saliéntase no estudo.

Os datos mostran que estes parques son centrais moi eficientes tecnoloxicamente, xa que as súas eficiencias enerxéticas (medidas en horas de producións equivalentes) se atopan "entre as máis elevadas de toda Galicia", saliéntase na investigación. Entre eses parques destacan especialmente o de Barrigoso, no concello de Vimianzo, e o de Ponte da Barda en Ponteceso, cada un con máis de 3.000 horas de funcionamento en varios dos anos analizados polos economistas.

"Estas cifras sobrepasan claramente a media das centrais galegas, que foi de preto de 2.250 no ano 2011. A alta produtividade das centrais eólicas municipais traduciuse tamén en facturacións relativamente elevadas que roldaron nalgúns anos, a pesares das potencias tan reducidas por parque, o millón de euros", remarcan. 

BENEFICIOS PARA OS CONCELLOS

Os economistas estimaron tamén a facturación anual dos paques eólicos singulares a partir das medias de produción do conxunto dos parques eólicos galegos e do prezo medio de venda das producións obtidas. E comprobaron que desde o ano 2005, cando se puxo en marcha a primeira instalación singular —no monte Meda, en Padrón— ate o ano 2015, as facturacións anuais dos parques municipais galegos foron incrementándose gradualmente coa entrada de novas instalacións, acadando o máximo de facturación anual no ano 2013 con máis de 7,6 millóns de euros.

A facturación bruta acumulada estimada para a totalidade dos parques dos concellos nese período temporal foi de máis de 45 millóns de euros.

Que parte desa cantidade ficou nas arcas dos Concellos? O marco normativo permite tres posibilidades de xestión para os parques eólicos singulares municipais: concesión administrativa a unha empresa externa, creación dunha empresa mixta e desenvolvemento da central eólica por medios propios. A totalidade dos concellos analizados polos investigadores escolleron a fórmula da concesión administrativa a un terceiro, polo que as entidades municipais viron condicionadas as súas rendas segundo a natureza dos acordos tomados nos respectivos órganos de contratación.

Na análise puideron comprobar que hai parques municipais nos que o pagamento se deriva unicamente dunha porcentaxe da facturación bruta da central eólica. Nos tres casos onde esta é a modalidade escollida para o pagamento, as porcentaxes van desde o 15% (Lalín) ata o 20% (Somozas e Ortigueira).

En segundo lugar, os datos coñecidos indican que o mecanismo de obtención de rendas máis habitual nos parques de concellos en funcionamento consiste nun pagamento mixto, cunha parte fixa e outra variable, dependendo da facturación anual da central. Os canons fixos anuais, levados á unidade comparativa, van desde os 11.765 ata os 28.235 €/MW, e os canons variables que forman parte desta modalidade mixta oscilan entre o 5% e o 10% da facturación, segundo os datos recollidos no estudo.

Hai, por tanto, unha grande variabilidade nas contías totais dos pagamentos. O mellor resultado observado é no parque singular de Padrón, cuxo canon anual total, resultado dun pagamento mixto con parte fixa e parte variable, alcanzou unha cantidade estimada de máis de 47.000 €/MW no ano 2011. No outro extremo, o pagamento unitario máis reducido tamén xorde dun modelo mixto, e sitúase en pouco máis de 19.000 euros/MW, neste caso no ano 2014 en Cerdeda. "É dicir, a variabilidade nos canons municipais é do 250%", subliñan os autores do estudo.

"As contías relativas dos parques eólicos singulares galegos son moi superiores ás porcentaxes que se perciben de xeito directo en Portugal e en Grecia para as entidades municipais".

"Certamente, os beneficios para os concellos dependen da elección do mecanismo de pagamento e das cantidades establecidas derivadas do proceso de licitación. Neste senso, a aposta por cada un dos mecanismos de pagamento posibles ten pros e contras. Por exemplo, a porcentaxe da facturación garante que se a empresa concesionaria ten máis ingresos o concello incrementará os seus beneficios e viceversa. No mesmo senso, a capacidade produtiva agardada para cada instalación tamén terá importancia na decisión, a cal se fará maior cando máis alta sexa a porcentaxe que cobra o concello en función da facturación. Pola contra, un canon fixo non terá en conta as posibles melloras de eficiencia e de produción das instalacións nin a existencia de posibles cambios drásticos no réxime retributivo, cuestión que se está a producir nos últimos anos. A incerteza do réxime retributivo fai que as futuras variacións que se vaian producir poidan repercutir a medio prazo tanto de xeito positivo como negativo nos canons para os concellos. É dicir, existen unha serie de incertezas relativas ao negocio eólico e ás dinámicas produtivas que impide coñecer con certeza cal é o mellor equilibrio entre a parte fixa e variable do canon. Só se pode dicir que en igualdade de horas de produción canto maiores sexan ambos, loxicamente maior será a retribución que reciban as entidades municipais", detállase no traballo.

A isto hai que sumar que as concesións administrativas fixaron períodos de duración cunha alta variabilidade, indo desde os 20 ate os 50 anos. Neste senso, os expertos recordan que a vida útil dun parque eólico é duns 20 anos. "De feito, en Galicia estase comezando a repotenciar centrais eólicas obsoletas tecnoloxicamente a través da normativa específica de repotenciamento (Decreto 138/201015). Descoñecemos, coa información dispoñible, que acontecerá nas previsibles mudanzas de aeroxeradores para as concesións de máis de 20 anos existentes", din. 

Así as cousas, aínda que os resultados económicos dos parques eólicos singulares son "moi modestos", tamén son "a única fonte de ingresos nas arcas públicas galegas derivados da propiedade de parques eólicos". Ademais, "esas cifras modestas cambian de traza se comparamos os seus resultados relativos en relación ao que ocorre cos parques eólicos convencionais", aportan os economistas, que remarcan que "as contías unitarias que están a percibir os concellos son moito máis elevadas que outra clase de fluxos de rendas derivados da eólica nas áreas rurais".

Así, por exemplo, sinalan que os pagamentos que perciben de media os propietarios rurais de terreos onde se instalan parques eólicos roldan os 3.000 €/MW e a porcentaxe que supoñen estas rendas con respecto á facturación bruta sitúase no 1,7% (datos de 2015).

Ao comparar as porcentaxes dos canons municipais galegos co que ocorre noutros países da nosa contorna, a conclusión segue a ser a mesma: "as contías relativas dos parques eólicos singulares son moi superiores ás porcentaxes que se perciben de xeito directo en Portugal e en Grecia para as entidades municipais (2,5% e 3% respectivamente)".

Con todo, os autores do estudo piden tomar con prudencia estes datos, xa que "as altas porcentaxes agochan unha moi fraca presenza da eólica municipal en Galicia". Comparando, no caso portugués unha cámara municipal que conte cun parque de 40 MW de potencia no seu termo municipal podería percibir arredor de 233.000 euros anuais, contía moi superior aos 150.000 euros de máximo que percibe Ponteceso nalgún ano por exemplo.

No mesmo senso, en Portugal tamén se constata a existencia de Cámaras Municipais que, ademais de percibir a porcentaxe da facturación bruta indicada anteriormente, participan no capital social das empresas. Tal é o caso do municipio de Resende, no distrito de Viseu, que conta co 15% do capital social da empresa eólica que desenvolveu un parque eólico na súa localidade, poñen por caso.

Finalmente, o carácter modesto das rendas eólicas que reciben os poucos concellos galegos con parques singulares en funcionamento confírmouse ao realizar unha análise que relativiza estes fluxos de rendas con respecto a outra clase de ingresos municipais. Por exemplo, expoñen, os 85.000 euros que recibiu Padrón polo seu parque no ano 2011 representan arredor do 5,7% dos impostos directos que liquidou esa entidade no mesmo ano.

Os economistas aconsellan a creación dunha empresa mixta ou o desenvolvemento da central eólica por medios propios, fronte a opción máis estendida en Galicia, a concesión administrativa a unha empresa externa.

Evidentemente, e como destacan os autores, o tamaño do Concello e a capacidade relativa de obtención de ingresos propios dálle maior importancia a estes novos fluxos de renda en casos concretos. É o caso do Concello de Arbo: os ingresos que xera o seu parque eólico singular, uns 76.000 euros do canon anual total no ano 2011, representan máis do 15% dos impostos directos, polo que terán unha importancia relativa moi superior ao caso anterior.

Todos os resultados anteriores son derivados de procesos de explotación da enerxía eólica onde o titular do dereito de explotación, o concello, transmitiu ese dereito a un terceiro, renunciando a exercer directamente a capacidade de posuír un maior control sobre o parque eólico singular e, seguramente, a unhas maiores rendas para a súa economía. Isto é os investigadores observaron que ocorre polo menos a nivel de comunidades de propietarios que posúen parques eólicos propios.

Chama a atención destes expertos que, por exemplo, que unha comunidade de Escocia reciba arredor de 500.000 euros por un aeroxerador de 2 MW, isto é, valores moi superiores dos parques municipais galegos adxudicados a un terceiro.

RECOMENDACIÓNS AOS CONCELLOS

Os economistas da Universidade de Vigo consideran que os concellos galegos poderían ter apostado pola creación dunha empresa mixta participada polo propio Concello para a explotación da instalación eólica singular ou pola fórmula do desenvolvemento e a xestión do parque eólico singular municipal mediante medios propios. Opcións que están contempladas na lexislación vixente.

Que é o que tería acontecido para as arcas locais nestas modalidades? Segundo estes expertos, "é de agardar que as rendas locais que obterían os concellos serían máis altas nestes dous últimos casos pois, cando menos, parte do beneficio industrial que agora obteñen as empresas que resultaron adxudicatarias ficaría nas arcas municipais".

Os autores aplauden a opción da creación de empresas mixtas que se contemplan para o futuro, xa que foi adoptada por varios concellos con parques en tramitación administrativa, e algúns deles xa autorizados.

Así, destacan o caso do Concello de Viveiro, que creou a sociedade Eogal Viveiro, S.L. para o parque éolico singular municipal; ou o de Carnota, onde o Concello e a promotora eólica Eurovento constituíron a sociedade Carnotavento para o parque singular deste municipio.

"Sen embargo, os parques municipais asociados a estas empresas mixtas aínda non puideron conseguir a acta de posta en marcha e a posta en funcionamento. Nos vindeiros anos veremos se se desenvolven estas centrais e cales son os impactos económicos derivados", conclúen os investigadores da Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GrazasBeiras

Dacordo con estes economistas. Total, que había que volver a 2009; pois mais unha proba para os repunantiños que falan pestes do bipartito, o mellor goberno que houbo nesta terra. E a quen lle parecera malo ou "un desastre todo" que saiba que era o mellor que se podía facer con repunantiños coma eles atrancando e laiando e sen aportar.