VIGO | 23/05/2018 | Actualizada ás 20:00 por EUROPA PRESS
A forte explosión rexistrada na tarde deste mércores na parroquia de Paramos, en Tui (Pontevedra), que causou varios feridos e importantes danos materiais en varios quilómetros á redonda, produciuse nunha vivenda particular, propiedade dun familiar do dono dunha pirotecnia, que foi precintada por orde xudicial.
Así o explicou a Europa Press o exalcalde de Tui Enrique Cabaleiro, quen confirmou que el mesmo asinou a orde de precinto da dita pirotecnia, situada en Baldráns (a uns poucos quilómetros da vivenda onde se produciu o suceso), en cumprimento dunha resolución xudicial por un contencioso derivado de problemas urbanísticos.
"Todo parece indicar que o responsable da empresa, unha vez que esta quedou precintada, trasladou a esa vivenda particular dun familiar ou ben a actividade ou, polo menos, o material pirotécnico para ser almacenado", sinalou.
A explosión, que se escoitou en todo o sur da provincia de Pontevedra, produciuse sobre as 16.25 horas e a magnitude da onda expansiva provocou danos materiais moi importantes tanto na zona de Paramos (con numerosas vivendas afectadas) como noutras áreas máis afastadas.
De feito, despois da deflagración orixinouse un incendio e a columna de fume foi visible mesmo desde puntos altos de Vigo ou Redondela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.