Por E.P. | A CORUÑA | 30/05/2018 | Actualizada ás 15:15
Milladoiro, Ímar e Yves Lambert Project serán tres dos principais convidados o Festival internacional de música celta de Ortigueira (A Coruña), que no seu corenta aniversario busca seguir sendo un festival de "calidade".
O programa do certame, que se celebrará este ano do 12 ao 15 de xullo, foi presentado este mércores polo alcalde, Juan Vicente Penabad, e o coordinador do festival, Alberto Balboa, que estiveron acompañados por representantes das empresas patrocinadoras e pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin.
O rexedor de Ortigueira destacou a transcendencia internacional do certame, que busca seguir sendo un "festival san" e de "calidade", após priorizar a calidade do mesmo á cantidade de asistentes. Nalgunhas das súas edicións, este festival chegou a congregar a 70.000 persoas. Un ano máis, o festival repetirá as súas actividades e concertos gratuítos, en cuxa relación tamén aparecen os irlandeses Kila e Lúnasa.
PROGRAMACIÓN
Os concertos arrincarán o 12 de xullo nunha xornada que destaca a presenza nos escenarios da banda escocesa Ímar; Beltaine, de Polonia; e os finalistas do proxecto 'Runas'.O 13 de xullo, venres, será a quenda dos irlandeses Kila e The National Youth Pipe Band of Scotland, así como o asturiano Rubén Alba e a Escola de Gaitas de Ortigueira.
O sábado, 14 de xullo, o prato forte do festival pasará, ademais de por Milladorio, que se subirá aos escenarios ás 23.30 horas, por Yves Lambert Project. Este último é co-fundador e membro do grupo A Bottine Souriante. O peche do festival correrá a cargo de Lúnasa o 15 de xullo, domingo, nun día no que tamén tocará The Celtic Social Club.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.