Temas: FOLGA XUSTIZA

Finaliza a folga de xustiza despois de máis de 110 días

Os servizos xurídicos das tres organizacións que quedaban no comité de folga estudarán conxuntamente impugnar o acordo da forma "menos lesiva".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2018 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

Os tres sindicatos que seguían no comité de folga de xustiza , AXG-CUT, STAJ e CIG, acordaron este xoves desconvocar o paro indefinido que arrincou o día 7 de febreiro pero estudarán a posibilidade de "impugnar" o acordo co que a Xunta deu por "pechado" o conflito.

Mesa sectorial de xustiza, con Xunta e sindicatos
Mesa sectorial de xustiza, con Xunta e sindicatos | Fonte: Europa Press

Diso informaron fontes destas organizacións sindicais, que explican que alcanzaron a decisión de suspender a folga despois de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase o mércores o acordo subscrito por SPJ-USO, UXT e CC.OO. e aprobado polo Consello da Xunta a semana pasada. Logo desta publicación e de máis de 110 xornadas dunha folga indefinida que se convocou despois de varios días de paro soltos, os sindicatos AXG-CUT, STAJ e CIG comunicarán este mesmo xoves á Xunta por rexistro a desconvocatoria. O conflito laboral, cuxo paro nas últimas xornadas rexistraba un seguimento residual, provocou a suspensión de miles de xuízos e trámites.

Estas tres organizacións sindicais eran as únicas que quedaban no comité de folga despois de que SPJ-USO, UXT e CC.OO. abandonasen de forma sucesiva este órgano após a firma do documento, un paso que tamén deu CSIF aínda que non secundou o acordo. Deste xeito, coa suspensión do paro indefinido, o comité desparece.

Con todo, AXG-CUT, STAJ e CIG informaron que a última decisión alcanzada neste comité de folga, antes da súa desaparición coa desconvocatoria do paro, é que os seus respectivos servizos xurídicos analicen de forma conxunta a posibilidade de "impugnar" o acordo da forma "menos lesiva" para os traballadores. "Non lles queremos buscar ningún problema aos funcionarios pero queremos estudar se hai vías para melloralo", explicaron estas fontes do comité de folga, que se reuniu por última vez este xoves en Santiago de Compostela.

ACORDO

O acordo publicado polo DOG contempla, entre outras cuestións, incrementos salariais de 122 euros mensuais para os auxilios xudiciais, 127 para tramitadores, 135 para xestión e 140 para os médicos forenses. Dita subida salarial concretarase o 50% en 2018; o 30% en 2019; e o 20% restante en 2020, até alcanzar a súa totalidade. A Xunta asegurou que os incrementos se percibirán xa na nómina de xuño con efecto "retroactivo" a maio.

Tamén inclúe outros puntos relativos á eliminación de descontos nas baixas por incapacidade temporal, a articulación dunha compensación económica do persoal que realice unha substitución nun corpo superior, a consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, e a creación de prazas no marco do plan de modificación dos cadros de persoal aprobado en 2012.

RECUPERACIÓN DO TRABALLO

Para recuperar o ritmo na xustiza após a suspensión de miles de trámites e xuízos polo conflito, a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) acordaron pór en marcha un plan de traballo que se prevé materializar en setembro, cando remate o período vacacional do verán.

Diso informaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadeas, após a reunión da Comisión Mixta que o pasado 22 de maio empezou a definir as necesidades e liñas básicas do plan de recuperación do traballo.

Temas: FOLGA XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta