Miles de persoas pídenlle á Xunta que non autorice a "contaminante" mina de Touro e O Pino

Nunha multitudinaria manifestación en Santiago con presenza de máis de 30 entidades e organizacións de toda Galicia, a xente reclamou que non quere unha "herdanza contaminada" para os seus fillos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2018 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Miles de persoas percorren desde as 12,00 horas deste domingo as rúas de Santiago de Compostela na manifestación convocada por máis dun centenar de colectivos cidadáns para instar á Xunta de Galicia a que non autorice a reapertura da mina de cobre en case 700 hectáreas das localidades coruñesas de Touro e O Pino por "contaminante" e "perigosa".

Manifestación en Santiago contra a Mina de Touro - O Pino
Manifestación en Santiago contra a Mina de Touro - O Pino | Fonte: Europa Press

Encabezada por unha pancarta coa lema 'Mina Non. Non queremos unha herdanza contaminada', portada por un grupo de nenos, a protesta arrincou na Alameda coa previsión de finalizar na Praza do Obradoiro. Na mobilización estiveron presentes os líderes dos principais partidos da oposición, Luís Villares (En Marea), Gonzalo Caballero (PSdeG) e Ana Pontón (BNG).

A portavoz da 'Plataforma Mina Non', Obdulia Lareo, instou á Xunta a non autorizar o proxecto que impulsan as compañías Atalaia Mining e Cobre San Rafael porque "a administración ten que mirar polos veciños e non por unha empresa foránea que vai explotar un xacemento en contra da cidadanía, o Camiño de Santiago, a contorna e a forma de vida destas localidades".

A protesta estivo secundada pola 'Plataforma en Defensa da Ría de Arousa', que alerta das posibles consecuencias que as verteduras da mina poden provocar no "centro neurálxico" do marisqueo galego, como é a desembocadura do Ulla nas Rías Baixas.

"EN CONTRA DOS VECIÑOS"

"É imposible que este proxecto sexa aprobado por unha administración que ten que mirar polos veciños, non por unha empresa foránea que vén explotar un xacemento en contra dos veciños, o Camiño de Santiago, a contorna e a nosa forma de vida", denunciou Lareo, instando á Xunta a "tomar nota" porque "goberna para os veciños, non para Atalaia Mining".

O Obradoiro ateigado de manifestantes contrarios a mina d eTouro e O Pino / / Plataforma Mina Touro-O Pino Non
O Obradoiro ateigado de manifestantes contrarios a mina d eTouro e O Pino / / Plataforma Mina Touro-O Pino Non

Así, puxo de manifesto os prexuízos que sostén que suporá a mina ao sector agrogandeiro, ao turismo ante a proximidade do Camiño de Santiago, ao medio ambiente e aos bancos marisqueiros da ría de Arousa nos que desemboca o río Ulla que pasa pola zona da mina.

Os opositores á Mina, que sospeitan que a mina podería ser autorizada en agosto, alertaron así das consecuencias para a comarca de Santiago e a zona de ría de Arousa, dunha mina que denuncian que contará con "balsas con lodos altamente contaminantes", "voaduras diarias", que usará "elementos químicos sospeitosos de causar cancro", e provocará verteduras "contaminadas" á "auga do Ulla que abastece a máis de 155.000 persoas".

Ante este temor, tamén se sumaron á protesta unha importante representación de veciños da provincia de Pontevedra, encabezados pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. O seu portavoz, Xocas Rubido, expuxo que a mina podería afectar ao "centro neurálxico" do marisqueo en Galicia e a preto de "30.000 familias", posto que na ría concentraríanse "o 75% da produción de mexillón e o 45% das mariscadoras galegas", segundo os seus datos.

Ante esto, Rubido considera que a Xunta, "cos informes sectoriais que existen neste momento", xa pode "tomar unha decisión firme para paralizar o proxecto".

ESIXEN Á XUNTA QUE PARE O PROXECTO E DENEGUE A AUTORIZACIÓN

Na Praza do Obradoiro, nun palco instalado para o acto ao que subiron os nenos que portaban a pancarta central como exemplo do futuro de Galicia que "non merece vivir nun país que estea envelenado", deuse lectura ao manifesto central.

Nunha praza ateigada, os opositores á mina esixiron á Xunta de Galicia e a Feijóo que se free o proxecto e se denegue a autorización para a explotación mineira. Tamén, demandaron a restauración do dano causado pola anterior explotación, e que o gasto sexa asumido polos "que se lucraron".

En terceiro lugar, solicitaron a caducidade da concesión polo abandono da actividade extrativa de cobre, por non ter restaurada a mina e pola contaminación causada.

GC publicou unha nova con vídeos que podes consultar aquí e unha galería de imaxes que podes consultar aquí.

BALSAS CON MUROS COMO As "TORRES DA CATEDRAL"

No manifesto, os organizadores debullaron os motivos da súa oposición ao proxecto mineiro, que suporía a reactivación do que existiu até 1987, cunha nova explotación que ocuparía, inicialmente, 689 hectáreas pero que sospeitan que podería chegar a alcanzar as 2.000.

Unha antiga mina que, denunciaron, provocou "30 anos de herdanza envelenada" e unha "herdanza de ríos e regatos fortemente contaminados", con "cursos de augas acedas con metais pesados sen vida que pasan polo Ulla antes de acabar na ría de Arousa, onde son visibles os seus efectos en zonas como os Lombos do Ulla".

Co proxecto actual de mina os manifestantes aseguraron que se pretenden "levantar dúas enormes balsas con muros máis altos que as torres da Catedral de Santiago", onde "meterían máis de 100 millóns de toneladas de lodos altamente contaminantes" a apenas "200 metros da aldea de Arinteiro".

A isto, sumaríanse "voaduras diarias" que poderían afectar os "diques de contención das balsas", coa ameaza de que a "carga letal" deses lodos acabase "na Ría de Arousa", no que afirmaron "que sería peor, moito peor, que o Prestige". O manifesto continuou advertindo que na separación do "cobre utilizaríanse compostos químicos, algúns deles sospeitoso de provocar cancro".

"Veríanse seriamente afectadas as actividades agrogandeiras, forestais, pesqueiras e marisqueiras, o cultivo de mexillón, as depuradoras de moluscos, a industria transformadora, o turismo vinculado ao Camiño Francés e o da ría, a gastronomía e todas as actividades económicas interrelacionadas", proseguiu o manifesto central.

A posible contaminación da auga foi outro dos eixos das súas denuncias públicas, ao entender que o proxecto utilizaría auga de mananciais e "chegaría ao Ulla, que abastece a trece Concellos e máis de 155.000 persoas". Así mesmo, tamén alertaron das consecuencias ao turismo, ante a proximidade do Camiño Francés.

"Fronte a un modelo produtivo co noso, capaz de xerar riqueza e redistribuíla, a mina, de ser unha realidade, só beneficiaría a uns poucos", que "huírían como xa sucedeu antes deixando só os restos do naufraxio en forma de contaminación".

PRESENZA DOS LÍDERES DA OPOSICIÓN

Os veciños que rexeitan o proxecto de mina de cobre ao descuberto estiveron apoiados polos líderes dos grupos da oposición no Parlamento de Galicia, que instaron a Feijóo e á Xunta a paralizar o proxecto.

"Hai 100.000 persoas que beben auga do río Ulla e non imos permitir que Feijóo nos envenene, non imos permitir que envenene a ría de Arousa, que unha multinacional coa complicidade dun goberno corrupto estrague o Camiño de Santiago e que nos expulsen do noso terreo", expresou Luís Villares, portavoz de En Marea. "Non imos permitir que Feijóo nin unha multinacional fagan do gran tesouro que é Galicia un terreo ermo".

Pola súa banda, o secretario xeral en Galicia do Partido Socialista, Gonzalo Caballero, asegurou que a mina "pon en risco a contorna natural no Pino e Touro e a biodiversidade mariña de toda Galicia" polo que apelou á Xunta a que priorice "o desenvolvemento sustentable de Galicia" fronte a este proxecto.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, instou a Feijóo a "escoitar o clamor de persoas de diferente ideoloxía contra a mina de Touro" e emprazoulle a "hoxe mesmo sen dilación a dicir que o proxecto se paraliza" despois da protesta de Santiago. "Non pode ser que a Xunta prefira defender os intereses dunha multinacional que vén a depredar os recursos e non os dos galegos", engadiu.

Multitudinaria manifestacion contra a mina de Touro-O Pino
Multitudinaria manifestacion contra a mina de Touro-O Pino | Fonte: Plataforma Mina Touro-O Pino Non
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pondaliao

Rebélase a colonia, interesate.

1 Fol

Medio millón de galegas e galegos contra a mina e contra Feijoo. É hora de berrar de novo: Viva Galiza ceibe e socialista!