O cabalo galego, un “ben fundamental” para os montes

O uso de drons, no marco dun proxecto de investigación, permitirá avaliar os efectos sobre a biomasa dunha manda de cabalos galegos do monte, unha das poucas especies de cabalos salvaxes que existen en Europa.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 12/06/2018 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

Doce exemplares de cabalo galego do monte —un macho, nove eguas e dous poldros—, doados por gandeiros e propietarios forestais do municipio de Cerdedo-Cotobade, foron trasladados e soltados nunha parcela pechada de 100 hectáreas xestionada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Estacas, no concello de Fornelos de Montes. Esta solta insírese nas actividades derivadas do proxecto de investigación Estudo e conservación do Cabalo Galego do Monte a través de acordos de custodia do territorio, que, con financiamento da Fundación Biodiversidad, o grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal desenvolve xunto co grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e permitirá avaliar os efectos que a presenza desta raza autóctona ten sobre a vexetación, e polo tanto, “na redución de biomasa dispoñible ante posibles incendios forestais”, como explica a investigadora da Escola de Enxeñaría Forestal Xana Álvarez, informa a Universidade de Vigo.

Solta de cabalos galegos de monte en Fornelos de Montes
Solta de cabalos galegos de monte en Fornelos de Montes | Fonte: UVigo.

Estes exemplares residirán desde agora de forma indefinida neste espazo, “xa que a propia comunidade tamén quere ver se realmente axudan nese labor de redución da biomasa”, que permite diminuír o risco de sufrir un lume forestal.

A presenza destes doce cabalos neste espazo permitirá aos investigadores realizar unha estimación “máis real da cantidade de biomasa que consumen”, medicións que, coa colaboración da empresa Xeométrica, se realizarán a través do uso de drons. “Imos facer unha serie de vos en diferentes períodos do ano cos que, coñecer o efecto modelador que o cabalo ten sobre diferentes especies” vexetais, como por exemplo o toxo, explica Álvarez dunha iniciativa que servirá así mesmo para comprobar “se estas tecnoloxías serven para facer censos de animais salvaxes”.

Dentro destes 100 metros cadrados, por outra banda, investigadores teñen definido unha serie de “parcelas piloto” nas que se realizaron previamente rozas e queimas controladas, o que lles permitirá así mesmo estudar “como evoluciona a vexetación nesas zonas e como se comporta o animal despois deste tipo de actividades, que son comúns nos montes”, xa que dentro destes espazos se articularon á súa vez zonas ás que os cabalos non poderán acceder, de tal xeito que permitan avaliar o diferente comportamento que poida presentar esta biomasa forestal entre as zonas que os cabalos empregan como pastos e aquelas nas que non o fan.

Seleccionado na convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva do ano 2017 da Fundación Biodiversidad, o proxecto que o grupo AF4 desenvolve xunto ao grupo Sepcom ten como eixo o estudo e conservación desta raza autóctona de Galiica, unha das poucas especies de cabalos salvaxes que existen actualmente en Europa. Traballo que desenvolven, entre outras acción, a través do impulso de acordos de custodia do territorio con comunidades de montes como a de Estacas.

“Para nós o monte ten unha función social moi importante, dentro da que se atopa conservar o patrimonio, e o cabalo galego do monte para nós é un patrimonio fundamental, un agasallo da historia”, sinala José de la Riera, representante dunha comunidade implicada nun proxecto de investigación que, como sinala, “é un proxecto de futuro para todos”.

Nese senso, de la Riera pon o acento na importancia de conservar unha especie que constitúe un “ben fundamental” para os montes galegos, xa que, explica, por unha banda, “é un bombeiro incrible” grazas a ese consumo de matos que poden converterse en combustible para os lumes forestais, ao que se suma “á súa interacción co lobo, ao que a súa presenza suxeita arriba nos montes”. De aí que poña en valor o papel que as comunidades de montes poden xogar á hora de evitar a desaparición desta especie e convide a outras a sumarse tamén a un proxecto “no que temos postas moitas esperanzas”, xa que “os montes galegos son un proxecto en común de todos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Paréceme unha moi boa iniciativa