Manifesto de apoio ás "19 de Meirás" desde o mundo da política e a cultura

Diversas persoas de relevancia do mundo da cultural e da política galega e internacional, coinciden nas reclamacións feitas polas persoas denunciadas. Chaman a apoiar masivamente o manifesto "en defensa da dignidade e da democracia".

Por Galicia Confidencial | | 20/06/2018 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

Baixo o nome “19 de Meirás. Solidariedade” representantes do mundo da cultura, da política e do sindicalismo galego e internacional lanzan un manifesto en apoio ao grupo de militantes nacionalistas denunciados pola familia Franco e a Fundación Nacional Francisco Franco, coñecidos como “19 de Meirás”.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás

Entre as e os promotores do manifesto figuran nomes como os escritores Manuel Rivas ou Suso de Toro, a cantante galega Uxía Senlle, ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, entre outras persoas. Conta xa tamén coa adhesión de numerosas personalidades tanto do Estado español como do ámbito europeo e internacional, así como de moi diversos representantes de organizacións políticas presentes no Parlamento Europeo. Entre eles o escritor e politólogo, Ramón Cotarelo, o actor e activista, Willy Toledo, ou o Vicepresidente do Parlamento Europeo, Dimitris Papadimoulos.

O manifesto destaca que o 30 de agosto do 2017 o grupo de persoas denunciadas realizou unha acción “simbólica e pacífica” nun día previsto como de visita aberta ao público no Pazo. No manifesto explican que “achamos que esta denuncia é unha verdadeira barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico. Mais unha vez, estase a tentar criminalizar o exercicio do dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel. Mais, vese aínda acentuada a gravidade porque quen o fai é a familia do ditador, que se aproveita e beneficia do botín de guerra, e unha fundación que, polos seus obxectivos de realizar apoloxía do fascismo e da ditadura, non debería existir e menos aínda ser receptora de subvencións públicas do Estado.” expresan no Manifesto.

As e os asinantes do manifesto din compartir coas activistas denunciadas a demanda de que todos os bens expoliados polos Franco na Galiza volten ao patrimonio público galego. Sinalan tamén “a plena solidariedade coas 19 persoas denunciadas” e o rexeitamento á “penalización do exercicio de dereitos democráticos”, sumándose á exixencia que o colectivo denunciado expresou publicamente de “derrogación de toda a lexislación represiva do estado español que limita as liberdades individuais e colectivas, e a restitución plena de dereitos para todas as persoas inxustamente represaliadas” salientan.

A partir de hoxe o manifesto poderase partillar e asinar a través da web https://19demeiras.wordpress.com/. As e os promotores fan un chamamento a que este manifesto teña un apoio masivo “en defensa da dignidade e da democracia” explican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta