SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 20:50 por EUROPA PRESS
Pablo Casado será o primeiro dos aspirantes a suceder a Mariano Rajoy á fronte do PP que visitará Galicia, a comunidade que elixiu para arrincar a súa campaña electoral interna. No seu primeiro acto do día, que terá lugar na Coruña este sábado, estará acompañado do presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo.
Fontes próximas ao presidente confirmaron a Europa Press que Feijóo tentará estar con todos os aspirantes que visiten Galicia durante a campaña interna, na medida na que lle sexa posible compaxinar os actos coa súa axenda.
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, estará durante toda a xornada con Casado, como é tamén a súa intención acompañar ao resto de candidatos que se despracen até a comunidade.
Os populares galegos e, con especial intensidade, as estruturas provinciais do partido, facilitarán os medios para que os candidatos que fagan campaña en Galicia poidan chegar aos afiliados e trasladarlles as súas propostas.
Todos os candidatos que optan a presidir o PP arrincarán formalmente este sábado a campaña e disporán dun total de 12 días para percorrer España e buscar apoios entre os máis de 869.535 afiliados da formación. O día 5 eses militantes votarán en urna ao seu candidato preferido para liderar o PP.
PRESENZA NAS CATRO PROVINCIAS
Segundo a súa axenda, Casado arrincará a primeira xornada de campaña cunha reunión con afiliados na Coruña, prevista sobre as 12,30 horas; e despois dirixirase a Lugo, onde manterá outro encontro con afiliados sobre as 15,00 horas.
Ás 17,30 horas, en Ourense, manterá outro encontro afiliados; e fará o propio con militantes de Pontevedra ás 19,15 horas na cidade de Vigo. Todos os actos, excepto o da cidade olívica, terán lugar nas sedes provinciais. O de Vigo celebrarase na sede local.
Pola súa banda, a exministra de Defensa e até agora secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, abrirá a campaña interna para presidir o partido en Barcelona, mentres que a exvicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría optou por Andalucía e celebrará o seu primeiro acto na provincia de Málaga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.