844 millóns de euros malgastados en grandes obras en Galicia; Cataluña lidera o dispendio das autonomías

En dúas décadas tiráronse miles de millóns de euros en todo o Estado en obras innecesarias ou con sobrecustos das administracións central, autonómicas e locais. Un estudo coloca Galicia como oitava comunidade con maior dispendio, nunha clasificación liderada por Cataluña e con Madrid en segundo lugar. A Cidade da Cultura, símbolo do malgasto en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/07/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

844 millóns de euros malgastados entre os anos 1995 e 2016. Ese é o total dos cartos dilapidados en Galicia en grandes infraestruturas con investimento público. Case a metade dese diñeiro dedicouse á Cidade da Cultura de Galicia, no Monte Gaiás (Santiago de Compostela). É o cálculo que fai para Galicia un estudo publicado no Boletín de la Asociación de Geógrafos Españoles, realizado por un equipo de investigadores de universidades de toda España e titulado 'Aproximación a la Geografía del despilfarro en España: balance de las últimas dos décadas'.

Cidade da Cultura de Galicia
Cidade da Cultura de Galicia

A Cidade da Cultura acumula case a metade do total malgastado en Galicia; polígonos industriais, auditorios ou autovías forman parte do conxunto do dispendio.

En concreto, o dispendio en Galicia distribúese do seguinte xeito: 400 millóns de euros na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), 127 millóns na Plataforma loxística PLISAN (Salvaterra), 105 millóns no Polígono industrial Porto do Molle (Nigrán), 90 millóns no Auditorio de Vigo, 80 millóns no Polígono industrial Arteixo/Morás, 22 millóns na Autovía AG-51 Salvaterra-As Neves e 20 millóns no Auditorio de Lugo.

No que se refire aos cartos tirados pola Administración central no Estado, os expertos sitúan o malgasto en 45.920,5 millóns de euros, aos que hai que engadir os dispendios por autonomías, entre as que destaca Cataluña, con 9.160,5 millóns de euros malgastados, seguida por Madrid, con 7.723,1, e Comunidad Valenciana, con 5.936. 

A continuación aparecen Aragón (2.978 millóns), Andalucía (2.657,2), Asturias (2.380,1) e Castela-A Mancha (1.530), por enriba de Galicia, que ocupa o oitavo posto. Estremadura é onde menos malgasto houbo, con 13,4 millóns.

En total, os investigadores contabilizaron, entre investimentos da Administración central e das autonómicas e locais 80.526,6 millóns de euros malgastados en grandes obras.

O Estado malgastou 26.240,6 millóns de euros na alta velocidade, dos cales 4.962 son de sobrecustos da liña Valladolid-Santiago de Compostela. 

MALGASTO NAS LIÑAS DE ALTA VELOCIDADE

No apartado do malgasto da Administración central destaca o dispendio en liñas de alta velocidade de ferrocarril, que ascende a 26.240,6 millóns de euros, dos cales se asignan á liña Valladolid-Santiago de Compostela 4.962 millóns.

"Da liña Madrid-Galicia destacan os sobrecustos producidos nas contornas de Zamora e de Ourense, a complexa situación en Valladolid –que igual que noutras cidades, se confiaba nunha operación inmobiliaria para financiar o soterramento: resultando un desfasamento de 404 millóns– ou a última xurdida en decembro de 2016 polo proxecto de construción dun apeadeiro na pedanía zamorana de Otero de Sanabria, con 26 habitantes", detallan os autores do estudo.

UNHA PRIMEIRA APROXIMACIÓN Á XEOGRAFÍA DO MALGASTO

O traballo, segundo os autores, "pretende ser unha primeira aproximación á dimensión do malgasto de recursos públicos en infraestruturas en España desde 1995 ata a actualidade nos distintos niveis de goberno". 

Os investigadores analizaron, por unha parte, o investimento e os sobrecustos no que consideran "infraestruturas innecesarias" impulsadas e executadas pola Administración Xeral do Estado no ámbito das súas competencias, e doutra, "infraestruturas, proxectos, eventos e investimentos errados, baleiros ou infrautilizados" acometidos polas Comunidades Autónomas e os gobernos locais. 

Aínda que a estimación total é duns 81.000 millóns de euros "comprometidos de forma inadecuada" entre 1995 e 2016, a cifra é "inferior ás cantidades realmente malgastadas".

"Falamos de infraestruturas, equipamentos culturais ou científicos, parques e cidades temáticas ou investimentos para acoller grandes eventos. En todos os casos, a partir de cantidades comprometidas superiores aos 10 millóns de euros. Non se inclúe, por tanto, a totalidade dos investimentos, agás algún exemplo moi significativo de sobrecusto nalgún investimento en hospitais ou centros educativos polo seu desproporcionado volume de gasto público, pero entendemos que pode axudar a dispoñer dunha primeira idea de conxunto sobre o alcance do problema e unha certa perspectiva territorial. Con todo, o traballo concibiuse como unha primeira aproximación inicial, un texto aberto que convida a proseguir con futuras investigacións dada a complexidade do seu estudo, os problemas metodolóxicos que expón e a escaseza de información oficial actualmente dispoñible", argúen os autores.

Por isto, aínda que a estimación total neste estudo é de preto de 81.000 millóns de euros "comprometidos de forma inadecuada" durante o período 1995–2016, esta cifra é, ao seu xuízo, "inferior ás cantidades realmente malgastadas". "En primeiro lugar, porque soamente se seleccionaron determinadas áreas"; en segundo lugar, porque "non se inclúen todos os proxectos errados e inútiles con orzamento inferior a 10 millóns de euros", e en terceiro lugar, porque "hai compromisos de gasto público en actuacións innecesarias ou con sobrecustos elevados, xa acabadas, que supoñen ao redor de 20.000 millóns de euros adicionais nos próximos anos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

6 Ecp

E o Paganini (o traballador) cada dia mais probe

5 Gamela

Cidade da Incultura ! https://i.gal/gamela00 Auditorio Mar de Vigo (aínda non sabemos canto teremos que pagar!) https://flic.kr/p/fkLLxj Segundo o alcalde 35 millóns ademáis de todo o que levamos metido neste pozo sen fondo !!!

4 Vijo

Vedes porque Catalunya mola tanto aós do BNG? A pela é a pela

3 Eu mesmo

Non vexo no artigo referencia algunha ao porto exterior da Coruña "Punta Langosteira", onde se tiraron maís cartos que até na Cidade da Cultura. Tan só este porto implicou un sobrecuste de 600 millóns sobre o seu orzamento. E segue a consumir recursos...

2 xos

¿Cómo poden meter o polígono do Molle en Nigrán, cando está sendo un éxito de ocupación nesta listas?¿Pero qué criterio teñen? ¿Non quedamos en que Portugal regala o solo industrial e hai que competir contra iso? E o resto dos polígonos igual, vale que Salvaterra As Neves non está aínda en funcionamento, pero de certo que o estará. E o polígono de Arteixo, tamén necesario, son polígonos ordenados, de espacios industriais e comerciais, fronte ao caos urbanístico galego habitual. E o dos Auditorios, pois non sei, serán caros, poden ser criticables, pero en si mesmos son utilizados. A min me parece unha mestura de cousas raras este estudo