Axentes forestais e ambientais farán folga indefinida desde o 1 de agosto se non se renova o seu acordo

Os axentes forestais e ambientais de Galicia farán folga os próximos 25 e 26 de xullo, en plena campaña de alto risco de incendios, para esixir que a Xunta chegue con eles a un acordo de renovación das súas condicións laborais, "caducas e obsoletas" desde hai anos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/06/2018 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

Uns 200 axentes medioambientais da Xunta de Galicia reuníronse este xoves nunha asamblea na rúa logo de que o Goberno galego lles negase a entrada en San Caetano para celebrar a xuntanza para pedir melloras nas condicións laborais. "Decátense da disposición desta Administración a negociar, que nin cede o salón de actos e temos q reunirnos na rúa, diante da Consellería", denunciaron os axentes, que ante o "desprezo" do Goberno anunciaron unha folga o 25 e 26 de xullo, en plena campaña de altos riscos de incendios. 

Asemblea na rúa de axentes medioambientais
Asemblea na rúa de axentes medioambientais | Fonte: UGT.

Ademais, se a partir de entón non recibiron un documento que consideren aceptable, a proposta polo momento din que é "unha verdadeira tomadura de pelo", convocarán folga de carácter indefinido a partir do 1 de agosto.

A CIG e UGT denuncian o comezo da campaña de alto risco "sen unha proposta seria" da Xunta para os axentes medioambientais, para os que propuxo un aumento do 50% de quendas de 12 horas e en contraprestación unha suba de dous niveis en dous anos e 7 euros por quenda de 12 horas.

Os sindicatos denuncian que pasaron "máis de dez anos cun acordo caducado e con serios problemas para acollerse aos dereitos previstos na Lei de Emprego Público de Galicia para o resto do persoal funcionario como as vacacións, a flexibilización para a conciliación familiar, ou as xustas compensacións retributivas polo exceso horario, penosidade, toxicidade, turnicidade, nocturnidade e especial responsabilidade dos axentes medioambientais".

"CAMPAÑA DE MENTIRAS"

Os axentes medioambientais denuncian, ademais, que a Conselleira de Medio Rural comeza a campaña de alto risco de incendios "con propaganda", anunciando unha suba económica de ata “2.000 euros por efectivo” da que as organizacións sindicais a día de hoxe din non ter coñecemento.

Tamén censuran que "a esta prometida suba económica engade outra de 2.000 euros máis ao ano derivados da promoción profesional que son coma o conto da leiteira, xa que de haber a promoción profesional para o persoal que ten a titulación, sería para máis adiante e nin sequera teñen feita a Oferta de Emprego Público". Considérano "un completo desleixo", xa que "a devandita promoción a día de hoxe está abandonada", polo que tiveron que "denunciar a Xunta no xulgado do contencioso polo incumprimento do Acordo do grupo B".

"Denunciamos esta campaña informativa baseada en mentiras que está a manter a conselleira de Medio Rural e esiximos unha proposta seria nun documento onde se definan a xornada, as prestacións económicas polo traballo desenvolvido, o numero máximo de gardas ao ano, as vacacións e os descansos, a seguridade e saúde laboral, a xubilación e segunda actividade", expoñen.

Dende a CIG e UGT rexeitan o "emprego propagandístico da dotación de material" que, ademais, consideran "insuficiente para a reposición de vehículos con graves deficiencias de seguridade e incluso de tabletas, que veñen sen datos, como se entregasen «caramelos aos nenos» e non como o material necesario para a realización do traballo que é", critican. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta