Remiten á Fiscalía por "indicios" de "suborno" o expediente ao policía de Santiago

O expediente reservado que abriu o Concello de Santiago a un policía local por, supostamente, pedir 'mordidas' a cambio de favorecer licenzas urbanísticas pechouse con "indicios" de criminalidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2018 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

O expediente reservado que abriu o Concello de Santiago a un policía local por, supostamente, pedir 'mordidas' a cambio de favorecer licenzas urbanísticas pechouse con "indicios" de criminalidade, que encaixan no suposto delito de "suborno".

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi | Fonte: Europa Press

Fontes coñecedoras dos expedientes ratificaron que xa se pechou a instrución e que a concelleira responsable de Recursos Humanos, María Rozas, asinou este mesmo venres o decreto para remitir as conclusións á Fiscalía, como recolle o estatuto do empregado público cando se observan indicios de criminalidade.

Concretamente, o expediente ao axente da Policía Local de Santiago, pertencente ao grupo que se encarga da vixilancia urbanística, abriuse a principios do mes de xuño. Foi investigado polo Concello por, supostamente, pedir 'mordidas' a cambio de informar favorablemente os técnicos municipais nos trámites de concesión de licenzas urbanísticas, segundo a información á que tivo acceso Europa Press.

A instrución do expediente reservado foi ordenada polo propio alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, tras ter coñecemento por parte de dúas funcionarias da existencia dunha "gravación" de son feita polo veciño ao que, supostamente, lle pediron mil euros para informar positivamente sobre un muro da súa leira. No marco da instrución do expediente reservado, o axente da policía, que foi apartado a principios deste mes das súas funcións urbanísticas, declarou o pasado 20 de xuño ante a persona instrutora, ante a que negou os feitos dos que se lle acusan.

FOI APARTADO

Segundo fontes da investigación, este policía local pediría, segundo a gravación, unha comisión non para el, senón para funcionarios do Concello co obxectivo de que a licenza dun muro dunha vivenda fose favorable. A gravación desa conversación, segundo as mesmas fontes, foi entregada a principios de xuño ao Concello e púxose en coñecemento dos departamentos de Urbanismo e Recursos Humanos, que fixeron chegar o caso á Alcaldía.

Á marxe da apertura do expediente, o alcalde púxose en contacto nese momento co xefe da Policía Local para informarlle da situación, após o que o axente foi apartado das súas funcións e "bloqueóuselle" o acceso aos expedientes urbanísticos mentres se instrúe a investigación interna. Ademais, o axente implicado na investigación foi recolocado provisionalmente e agora patrulla a cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta