A funcionaria 'enchufada' pola valedora do Pobo cre "inxusta" a sentenza que anula o seu posto

María Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, defende que se o procedemento se fixo "mal", se debe "corrixir", pero considera que ela é allea a esa cuestión. Faino usando o xornal La Voz de Galicia como o seu altofalante mediante unha carta na que esixe desculpas dos maxistrados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2018 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

A funcionaria cuxa designación como xefa de servizo de Administración e Persoal no Valedor do Pobo foi anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cualificou a sentenza de "inxusta". Así, María Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, indicou que se o procedemento se fixo "mal", se debe "corrixir", pero considera que ela é allea a esa cuestión.

A valedora do Pobo, Milagros Otero
A valedora do Pobo, Milagros Otero

Puy recorreu ao xornal coruñés La Voz de Galicia como o seu altofalante e publicou neste nunha carta dirixida aos lectores na que cuestiona en "que se basea o fallo xudicial" para facer afirmacións como que no informe emitido non se examinou ao resto de candidatos.

"Eu, duns maxistrados espero rigor, pero a min débenme vostedes unha desculpa e respecto polo meu traballo", sinala na súa misiva, na que explica que participou na "posta en marcha dunha parte da administración autonómica" e na que indica que a súa maternidade non lle permitiu nun momento dado ser xefe de servizo.

A afectada pide "seriedade" aos maxistrados ante a sentenza, que é recurrible nun prazo de 30 días, unha posibilidade que a propia valedora do Pobo, Milagros Otero, estudar levar a cabo.

María Puy Fraga repasa na misiva a súa traxectoria e servizo, e lamenta que o tribunal non reparase no seu currículo profesional. "Teño méritos máis que suficientes para selo", sinala, á vez que lamenta que se puxo en cuestión a súa "valía profesional" e na que advirte de que "nunca" lle pediu "permiso" nin ao seu "pai" nin ao seu "irmán" sobre como levar a súa carreira profesional.

SENTENZA

A Sala do Contencioso Administrativo do TXSG anulou o nomeamento de María Puy Fraga por irregularidades no proceso no que, segundo o xulgado, a valedora, Milagros Otero, intercedeu para que o cargo recaese nunha persoa coa que tiña relación.

O fallo, con data de 29 de xuño, estima o recurso presentado por un particular contra a resolución emitida en marzo de 2016 polo adxunto da valedora en substitución desta. Así, o xulgado determina que a selección desta persoa "non se guiou" polos criterios de "igualdade, mérito e capacidade", senón "polo desexo de adxudicalo a unha das candidatas" e "con desprezo" ao resto de aspirantes, cuxos méritos e documentación "nin sequera se tomaron en consideración".

Segundo a sentenza, a valedora do Pobo cometeu "desvío de poder" e "arbitrariedade" ao intervir no proceso con "interese" de que fose esta candidata a adxudicataria. Unha vez iniciado o proceso xudicial de reclamación, a valedora recoñeceu que o motivo que a levou a apartarse do proceso era que Otero era discípula do pai de María Puy Fraga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta