Temas: SIMULADOR VIGO

O Porto de Vigo incorpora un simulador para formar persoal e sentar a base dos portos do futuro

O proxecto representa o comportamento de diferentes máquinas portuarias e recrea as sensacións dos operarios na vida real. O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, destacou que esta ferramenta ten "unha importancia trascendental" e que aspiran a exportala a outros países de Europa.

Por E.P. | VIGO | 04/07/2018 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

O Porto de Vigo incorporou un simulador de operacións portuarias que, mediante un sistema que tenta representar a operativa real dun porto, ten o obxectivo de formar aos traballadores e facer da propia terminal viguesa "unha especie de porto piloto" para establecer as bases de "como van ser as terminais portuarias do futuro".

O conselleiro Francisco Conde, proba un simulador do Porto de Vigo. XUNTA
O conselleiro Francisco Conde, proba un simulador do Porto de Vigo. XUNTA | Fonte: Europa Press

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Enrique López Veiga, destacou que esta ferramenta ten "unha importancia transcendental", xa que permitirá ao colectivo de traballadores "formarse máis rapidamente e con máis seguridade". Para iso, a próxima semana iniciarase a formación, que inclúe nocións teóricas e prácticas no simulador.

Así mesmo, esta nova ferramenta permitirá facer da cidade olívica "unha especie de porto piloto" para facer probas, expor unha mellor organización do porto, optimizar os espazos e simular "calquera continxencia" que poida chegar a darse na terminal. A partir diso, establecerase un modelo que aspiran a exportar a outros países de Europa.

Para iso, monitorizarán  o porto e mellorarán o simulador para convertelo nun emulador que permita redeseñar as terminais co obxectivo de optimizalas, maximizalas, aproveitar o espazo e reducir os custos. Desta forma, probaranse distintas posibilidades e implantarán as que se acepten.

O SIMULADOR

O director técnico de Transglobal, Antonio Álvarez, explicou que o principal obxectivo ao crear este simulador (que se sitúa dentro dun contedor portátil) era darlle "a maior realidade posible". Para iso, desenvolveuse un 'software' que representa o comportamento dos diferentes tipos de guindastres e maquinarias do porto, e permite introducir condicións climáticas extremas (choiva, vento, néboa, etc.).

Ademais, un 'hardware' envolve ao usuario para dar maior sensación inmersiva. En concreto, hai seis pantallas led, unha consola con botóns e pancas de guindastre, unha plataforma con seis graos de movemento e son 5.1. Con todo iso, recréanse as sensacións dos operarios na vida real. Ao tempo, dende fóra pódese observar ao usuario e modificar as condicións do simulador.

FORMACIÓN

"Vigo unha vez máis se pon á cabeza da innovación portuaria", destacou a directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez; ao que o conselleiro de Economía, Francisco Conde, agregou que este proxecto "vai situar ao Porto de Vigo á vangarda" e o seu simulador, "vinculado á industria 4.0., vai ser unha oportunidade para formar aos traballadores".

Neste contexto, Conde puxo a Xunta a disposición do Porto para "formar parte desa alianza para dar resposta en termos de formación". Acto seguido, mantivo que a Administración autonómica leva "tempo" traballando para reforzar e adaptar a formación ás necesidades das empresas.

Así, homologou 27 novas especialidades que xa se poden impartir en calquera lugar de España, e, de feito, este mesmo mércores avanzou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a segunda convocatoria das unidades formativas para financiar na súa totalidade cursos que propoñan as empresas.

'BLUE GROWTH'

Esta iniciativa, que conta con financiamento europeo, supón un paso máis cara á Industria 4.0 e enmárcase na estratexia 'Blue Growth' (Crecemento azul), pola que o porto busca ser innovador, sustentable, inclusivo e estar conectado.

O xefe de seguridade do porto, Carlos Botana, remarcou que dentro do 'Blue Growth' iniciáronse varios proxectos, entre os que se inclúe o que acolle o simulador, denominado 'Porto do Futuro'.

A maiores, mencionou o proxecto 'Carreiras Azuis', para formar a 165 traballadores e ofrecer asesoramento "á carta" a outros 250. Este proxecto xa arrincou coa formación de directivos, e pretenden amplialo ao resto de categorías profesionais. De feito, xa teñen previsto un curso sobre o cambio climático e novas enerxías.

Temas: SIMULADOR VIGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta