Viveiro quintuplicará a súa poboación co Resurrection Fest, un festival "único en España e Galicia"

O festival celebrarase do 11 ao 14 de xullo, con Kiss e Scorpions como cabezas de cartel. Calcúlase que acollerá a máis de 80.000 persoas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2018 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

Máis de cen bandas, entre elas Kiss e Scorpions, conforman o cartel da décimo terceira edición do Resurrection Fest, que se celebra do 11 ao 14 de xullo en Viveiro (Lugo) e que destaca como un dos festivais de rock "máis internacionais" en España. A alcaldesa, María Loureiro, calculou, en base "ás entradas vendidas", que pasarán polo municipio mariñán "máis de 80.000 persoas", quintuplicando así a súa poboación de 16.000 habitantes.

Resurrection Fest
Resurrection Fest

O vindeiro luns 9, dous días antes de que arranque, segundo aventura a rexedora local, "xa empeza a vir xente", sobre todo "a acampar" naquelas zonas acondicionadas polo Concello.

Así, Loureiro acreditou, igualmente, que xa "están todas as prazas hostaleiras ocupadas, non só de Viveiro, senón de toda a comarca da Mariña, incluso Vilalba".

Deste xeito, a alcaldesa recoñeceu que o festival, "único en España e en Galicia", supón unha "publicidade impagable" para o municipio. É un evento "que está a nivel internacional, tivo varios premios. É o único destas características en España e en Galicia", presume.

Sobre todo, Loureiro destacou que "leva o nome de Viveiro" e que "moita xente" coñece o municipio "polo Resurection". "Esa é unha publicidade impagable, e isto fai que moita xente que non ía vir na súa vida aproveita para ir ao festival e repite visita a Viveiro. É unha forma de atraer xente", remarcou.

Resurrection Fest, edición número 12
Resurrection Fest, edición número 12

En canto ao impacto económico, Loureiro admitiu que "é moi importante", á vez que puxo o acento nos postos de traballo "directos e indirectos" que se xeran, posto que, xa "só" para "o recinto, son duascentas persoas" ocupadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta