Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2018 | Actualizada ás 13:26
A Garda Civil de Lugo abriu unha investigación para tratar de determinar a procedencia de 15 cabezas de tenreiros que apareceron flotando na tarde deste luns "nun pequeno regacho" do lugar da Tolda, pertencente ao concello lugués de Carballedo.
Así o confirmou este martes o alcalde do municipio, Julio Yebra Pimentel, quen cualificou o suceso de "pouco habitual". A voz de alarma deuna un traballador municipal quen, sobre as 20,00 horas do luns, avisou ao alcalde, que se acudiu no lugar e avisou tamén á brigada da Garda Civil. Esta procedeu á retirada das cabezas dos tenreiros da auga "en sacos de plástico" que foron depositados máis tarde nunha nave municipal, á espera de que sexan analizados polas "autoridades pertinentes".
En canto ás pescudas, o rexedor mantén que por agora "non se sabe o tempo que levaban alí esas cabezas", e engade que "o que si está claro é que eran de matadoiro, porque as cabezas teñen o disparo no cranio". Así mesmo, Yebra Pimentel tamén confirmou que xa puxo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente este asunto. Neste sentido, indicou que "agora é competencia da Xunta recoller e analizar esas cabezas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.