Os argumentos do PP para non cesar a valedora: “non houbo desvío de poder por parte de ninguén”

A deputada dos populares reprochou que o resto dos grupos parlamentarios “enlama a digna labor política dunha persoa e dunha familia” referíndose a Puy Fraga. Pola súa banda, a oposición en bloque rexeita a continuidade da valedora no seu posto.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostelaa | 10/07/2018 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

“A valedora cumpriu con todas as súas obrigas”. Así de rotunda foi a declaración da deputada do PP, Prado del Río, na súa quenda de fala este martes no Parlamento. Os populares opuxéronse por unanimidade ao cese da valedora do Pobo, Milagros Otero, logo de que o TSXG anulara o nomeamento de María Puy, irmá de Pedro Puy Fraga, como xefa de Servizo de Administración e Persoal no Valedor do Pobo. Un feito polo que foi acusada de “desvío do poder” e “enchufismo”.

Feijóo vota en contra da proposta de cesamento da valedora
Feijóo vota en contra da proposta de cesamento da valedora

A deputada recordou que a valedora leva presentados “informes e memorias de temas que nos preocupan, coma o da discapacidade”. “Pode ser que houbera erros, pero non houbo desvío de poder por parte de ninguén". Así mesmo, reprochou que a oposición “non leu a sentenza” e “enlaman a digna labor política dunha persoa e dunha familia”: “non dubidamos da honorabilidade de Puy". Por todo isto, o PP non votou o cese da valedora, xa que “non imos tomar decisións firmes cando non hai sentenza firme”.

Pola contra, toda a oposición en bloque votou a favor do seu cesamento e pediu nas súas comparecencias a marcha de Milagros Otero do cargo que aínda hoxe ocupa. Coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia diante, En Marea, PSOE e BNG expuxeron o seu argumentario en contra da continuidade da valedora.

Pola súa banda, Luís Villares, de En Marea, asegurou que este “é o debate máis importante da corrupción política da lexislatura”. E que polo tanto, “o PP debe retratarse. Poñerse do lado dos enchufes, clientelismo e corrupción ou do lado dos dereitos fundamentais e a democracia”. Destacou tamén o “bochorno demorcático” que supoñía esta situación: “a encargada da transparencia ocultando as súas propias vergoñas”.

“Triste e histórica”. Así definiu a xornada Patricia Vilán, do grupo socialista, que considerou que a valedora do pobo debería ter cesado o xoves pasado e “este debate non debería producirse”. Segundo Vilán, Otero “botou balóns fóra” e “vive nunha realidade virtual e paralela”. Recordou que xa non ten o apoio dos "45 deputados que a apoiamos no seu día" polo “dano irreparable” que lle fixo á institución: “Otero non respecta o poder lexislativo nin xudicial”.

Segundo o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas Cruz, este caso responde ao “caciquismo nunca posto en cuestión” e destacou que o seu grupo parlamentar xa puxera en cuestión a elección no seu día porque “o seu currículum traía o aval dunha traxectoria de compromiso público co PP rancio”. Entende, deste xeito, que é un sistema que se contradí: “a non transparencia da institución creada para velar pola transparencia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta