Alegría canaria en Teo

A localidade coruñesa de San Cristovo de Reis, en Teo, puido desfrutar de toda a simpatía e 'swing' do grupo canario do momento, Fuerza Nueva, formación irmá da orquestra El Combo Dominicano.

Por Ángela Precedo | San Cristovo de Reis, Teo | 19/07/2018 | Actualizada ás 23:28

Comparte esta noticia

A localidade coruñesa de San Cristovo de Reis, no concello de Teo, acolleu este domingo outra das actuacións do grupo canario Nueva Fuerza, pertencente á compañía Combo Music. Foi unha noite de baile, canto e, sobre todo, moitas risas e complicidade co público acompañante por parte dos catro integrantes da formación, que nese día actuaron xunto á orquestra Venezia.

Arodi Llanos no escenario de Nueva Fuerza.
Arodi Llanos no escenario de Nueva Fuerza.

Nueva Fuerza ten a capacidade de transmitir alegría alá a onde vai, nesa firme aposta que realiza pola empatía e a conexión co público. Cada noite conseguen que todo o campo de festas se convirta en familia, en amigos que acaban bailando as súas pegadizas coreografías e ritmos latinos. E é que, canto menos, é un grupo que non deixa indiferente a ninguén por onde pasa. A súa mocidade e conexión constante coa actualidade musical, o que implica a actualización do repertorio a cada intre, son dous elementos que fan que as súas actuacións sexan un verdadeiro éxito de acollida.

Por todo iso, Nueva Fuerza é xa un dos grupos canarios máis coñecidos a nivel Galicia, o que se demostra porque cada ano, dende a súa formación no ano 2016 --dúas xiras de actuacións estivais polo panorama verbenero galego--, vai en progresión ascendente, con cantantes cuxa voz, innegablemente, é do mellor que hai entre as orquestras canarias e galegas. Ademais, os catro cantantes compleméntanse perfectamente e teñen moi boa sintonía entre eles, porque, máis que compañeiros de formación, tamén son amigos, feito que facilita moito as cousas durante as actuacións e algo que se transmite ao público.

Alberto Novelle sobre o escenario de Nueva Fuerza.
Alberto Novelle sobre o escenario de Nueva Fuerza.

Asimesmo, todos son conscientes de que saber cantar non é suficiente para un artista hoxe por hoxe, e menos no mundo da verbena, onde tamén se precisa de espectáculo para cautivar aos espectadores. E, Nueva Fuerza, sempre coa súa actitude disposta ao 'show', proporciónano. Con sorrisos que non se borran das súas caras e con miradas cómplices co público, así como con movementos que incitan a bailar e mover a cadeira co seu 'swing'.

O MELLOR DE CADA COMPOÑENTE

Deste xeito, na noite de onte puido verse a un Aitor Ojeda que cada vez se atopa máis cómodo e en sintonía co resto do grupo --este é o seu primeiro ano nas filas da formación, é o recén chegado, procedente das filas da orquestra canaria Armonía Show--. Pese á súa xuventude --18 aniños--, a súa voz é digna dos cantantes máis experimentados, algo que lle fará, sen dúbida, chegar moi alto no mundo da orquestra en Galicia. Un dos seus referentes a nivel musical e de repertorio dende que chegou, o pasado ano, ao 'mundillo' da verbena galega, foi Nueva Fuerza, e tan só tardou un ano en chegar a formar parte deste grupo, o que fai presaxiar que este rapaz ven pisando forte e loitando por alcanzar as súas metas.

Tamén se puido ver a un David Afonso que pese a atoparse doente, con amigdalitis e placas na gorxa decidiu cantar. Isto é algo que a calquera outro cantante lle impediría continuar coa actuación, mais el fixo acto de profesionalidade e decidiu tirar para diante con todo. Sen dúbida, isto marca a diferenza entre os grandes cantantes e o resto. Pese a que os seus compañeiros ofrecéronlle cantar algúns dos seus temas para que non forzase a voz, el decidiu facelos igual, cantando case todo o repertorio que lle correspondía. Aínda que, actuando, quen diría que estaba doente escoitándolle cantar, xa que fixo, coma sempre, uso dunha técnica moi depurada e unha asombrosa voz, ademais duns movementos incomparables.

Pola súa banda, Alberto Novelle fixo alarde unha vez máis da súa simpatía e carisma, cunha irresistible personalidade que lle dá un toque moi característico non só á súa persoa, senón tamén á súa voz, perfectamente recoñecible para calquera que o escoite, ademais de moi difícil de igual, con ese brillo especial no ton que só se pode ter se se nace con el, non é algo que se consiga a través de ensaios e de técnica. Así mesmo, o cantante canario amosouse moi atento con todos os asistentes e iso marcou a diferencia para que o público aínda se sentise máis agusto durante esa noite e decidise quedarse até o final da festa, case chegadas as cinco da madrugada.

Así mesmo, Arodi Llanos mostrouse encantado coa situación, coa festa, cos seus amigos de Canarias que foron a acompañalos nunha noite tan especial, e con todo o público en xeral. O cantante tinerfeño estaba na súa salsa e así o demostrou, con ese rollo persoal inconfundible que mantivo ao longo de toda a súa traxectoria profesional e que o levou a chegar a onde está --procedente das filas da orquestra irmá, El Combo Dominicano (2015)--, sendo un dos cantantes galegos máis recoñecidos polos seguidores do mundo da verbena, que arrastra a fans moi fieis alá onde vai.

REPERTORIO XUVENIL

Durante esa noite de sábado, para os asistentes foi imposible non sentir a música e estarse quedo co repertorio desta xira 2018, baixo o lema 'A fuego', que inclúe, entre outros moitos temas, cancións de actualidade como 'Báilame' (de Nacho, interpretado por Aitor Ojeda e Arodi Llanos), 'Échame la culpa' (de Demi Lobato e Luis Fonsi, tamén na voz de Aitor e Arodi), 'El préstamo' (de Maluma, cantado por David Afonso e Aitor) , 'El baño' (de Enrique Iglesias e Bad Bunny, interpretado por Alberto Novelle), 'Reggaetón lento' (de CNCO, tamén da man de Alberto e David) ou 'Scooby Doo' (de Dj Kass).

Ademais, tamén incorporaron moitos outros temas para os máis bailadores, como o popurrí de merengues, que inclúe as cancións de Elvis Crespo 'Suavemente' (na voz de Arodi) e 'Píntame' (na de Alberto),  xunto a temas como 'Una cerveza' (de Ráfaga, interpretado por Arodi) e rancheiras como 'El Rey' (de Vicente Fernández, na voz de David Afonso e Arodi).

Asimesmo, todos eles se combinaron, xa no segundo pase, con clásicos do reggaetón como 'Gasolina' (de Daddy Yankee), 'Noche de sexo' (de Wisin y Yandel con Aventura) ou 'Atréveche' (de Calle 13), na sua maioría na voz de Arodi Llanos; xunto a temas propios como o recén estreado 'Como yo no hay', a canción xa incorporada na pasada xira 2017 'Rumba' ou 'Afincao'. Todos eles fan as delicias dos bailadores.

Entre as cancións máis emotivas da noite cabe destacar o tema composto por Arodi Llanos, 'Mi corazón', que pese a contar xa case con tres anos dende a súa creación, non pasa de moda para ninguén, e esperta as emocións de todos cantos o escoitan. Ademais, na interpretación do mesmo con Nueva Fuerza dase a particularidade de que comeza a cantalo Alberto Novelle, o que supón unha novidade a destacar.

ACOLLIDA O DOMINGO 15 E O LUNS 16 DE XULLO

Sobre a acollida das actuacións que realizaron o domingo 15 na parroquia coruñesa de Os Castros e o luns 16 na de Andeiro (Cambre), Arodi Llanos amósase moi satisfeito coa acollida do público, á que calificou como "cheo absoluto". O cantante tinerfeño comenta que na zona de A Coruña e Ferrol "sempre enchemos e nos acollen moi ben", polo que desexa que esa sona se transmita tamén ao resto do territorio galego nos vindeiros anos.

 

A Fuego 🔥🅽uev🅰 🅵uerz🅰🔥😍 🙌🏼🎶😍💪#afuego #nuevafuerza #oscastros #NF

Una publicación compartida de 🅽ueva🔥🅵uerza (@gruponuevafuerza) el

PRÓXIMAS DATAS

Polo que respecta ás próximas actuacións nas que se poderá desfrutar do espectáculo desta formación canaria, esta mesma semana trasladarán o seu espectáculo á localidade pontevedresa de Santa Xusta de Moraña, o mércores 18. Pola súa parte, a fin de semana pasarán o sábado 21 no municipio coruñés de Barizo, en Malpica de Bergantiños, na compaña do Grupo Fénix.

Xa a semana que ven continuarán a súa xira pola provincia de A Coruña, o martes 24 nunha localidade que visitan moi a miúdo, Montouto (Abegondo), xunto ao Dúo Xilo & Carlos. E a última fin de semana de xullo virá cargada de actuacións, a partir de venres 27, cando estarán no municipio coruñés de Louro, en Muros, acompañados da orquesta Ibiza; e seguindo polo sábado 28, en Celeiro, Viveiro.

Alberto Novelle sobre o escenario de Nueva Fuerza.
Alberto Novelle sobre o escenario de Nueva Fuerza.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Escenario de Nueva Fuerza en San Cristovo de Reis, Teo.
Arodi Llanos sobre o escenario de Nueva Fuerza.
Arodi Llanos sobre o escenario de Nueva Fuerza.
Arodi Llanos no escenario de Nueva Fuerza. Arodi Llanos no escenario de Nueva Fuerza.
Arodi Llanos no escenario de Nueva Fuerza. Arodi Llanos no escenario de Nueva Fuerza.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta