Aurora Marco sobre as represaliadas: "utilizouse o corpo das mulleres como campo de batalla"

Aurora Marco fala con GC para explicar o papel, tan invisibilizado coma fundamental, das mulleres na Guerra Civil. Aquelas que loitaban desde a retagarda. As que ademais de sufrir a violencia que se aplicou á poboación desarmada, sufriron os prexuizos patriarcais: a humillación. E as guerrilleiras, as mellores esquecidas.

Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 20/07/2018 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Aurora Marco é unha prolífica investigadora e ensaísta, con máis de vinte libros e arredor de douscentos artigos. A súa última publicación é "Elas", onde fai un repaso histórico á vida e a obra das mulleres galegas. Pero nesta ocasión fálanos das guerrilleiras, das represaliadas, das grandes esquecidas. Porque Aurora Marco é, en realidade, a única que rescatou do esquecemento a estas mulleres que fixeron fronte á violencia dos golpistas, porque súa tamén foi a loita aínda que a memoria teime en agochalo. 

Aurora Marco coa enlace Carmen Filgueiras, de Meá-Mugardos (2006)
Aurora Marco coa enlace Carmen Filgueiras, de Meá-Mugardos (2006) | Fonte: Cedida

Aurora Marco é a autora de "Mulleres na guerrilla antifranquista galega" e do posterior documental "As silenciadas", realizado polo seu fillo Pablo Ces. Aquí, achéganos algunhas das súas longas reflexións contra o esquecemento das represaliadas que GC mantivo por respecto a súa autora.

Mais alá das súas achegas, non existe información (como si existe no caso dos homes)
sobre as guerrilleiras. Vostede explicou que a información sobre estas mulleres da
resistencia gardábase na memoria familiar. Para levar a cabo Mulleres na guerrilla
antifranquista galega, como foi entrar en contacto coas propias protagonistas deses
episodios?

Cando preparaba o Dicionario de mulleres galegas, que viu a luz en 2007, decateime da
ausencia case total das resistentes antifranquistas nas investigacións centradas na guerrilla. E
iso que, por aqueles anos, a bibliografía sobre este movemento en Galiza aumentara de forma
considerábel. Exceptuando o nome de Enriqueta Otero Blanco e algún outro, non había fontes
onde apoiarse; non había, como no caso dos guerrilleiros, monografías, traballos específicos
sobre elas, por ese exercicio de ocultamento, ben coñecido, que excluíu as mulleres da
historia. O baleiro informativo era case total. As vencelladas á actividade política, e de
maneira especial á resistencia antifranquista, eran, e en certa medida seguen sendo, as
grandes esquecidas, as silenciadas. A lembranza das súas actividades nas dúas organizacións que operaron en Galiza na década dos 40 e comezos do 50 (a Federación de Guerrillas León- Galicia e o Exército Guerrilleiro) gardábase na memoria familiar, efectivamente, mais non só. As súas accións, a súa coraxe, a súa entrega ás causas da xustiza e a liberdade eran ben coñecidas mais ninguén deixou constancia escrita das súas traxectorias e tiven que comezar, practicamente de cero, o meu traballo. Foi difícil investigar sobre elas e derrubar ese muro de silencio que envolveu durante tantos anos a súa presenza activa na guerrilla.

Lembro ben que foi en Mugardos, en xaneiro de 2006, onde fixen a primeira entrevista cun enlace da guerrilla, Guillermo Gallego Abeledo, fillo e irmán de catro mulleres implicadas e entregadas á causa guerrilleira ás que dedico un capítulo. Todo foi comezar a turrar do fío e unhas persoas íanme levando a outras: ás propias protagonistas (as que vivían), ás súas familias, ás persoas que as coñeceron e sabían do seu compromiso... A partir daquel primeiro encontro en Mugardos, magnífico, comecei un percorrido, que durou arredor de cinco anos, polos espazos en que se moveron as dúas organizacións citadas, onde houbo combates, onde caeron fusiladas... Tiven sorte porque fun encontrando, case sempre, xente que tiña necesidade de contar o que lle acontecera á súa nai, avoa, irmá, amiga, coñecida, ou descoñecida mais cunha historia tráxica que ficou na memoria colectiva.

Mulleres peladas polos golpistas
Mulleres peladas polos golpistas | Fonte: El Plural

Teño que recoñecer que a acollida por parte das familias foi excepcional e, unha vez
abertas as portas, a colaboración foi excelente: non só me proporcionaron todos os datos que solicitei senón documentación, fotografías e, con moita frecuencia, o contacto con outras persoas que consideraban indispensábeis para a investigación.

Díxose que de non ser polas mulleres que formaron parte da resistencia, as guerrillas
non terían durado nin un ano. Por que foi o papel das mulleres algo tan fundamental?

Sempre lembro o que teñen manifestado reiteradamente os guerrilleiros que aínda viven a
respecto do papel que as mulleres desempeñaron na resistencia: Camilo de Dios, fillo de
Carmen Fernández Seguín, outra das protagonistas do libro, sempre di que as mulleres foron
colaboradoras imprescindíbeis que fixeron posíbel a duración de dez anos da guerrilla. Pola
súa parte, Francisco Martínez, máis coñecido como Quico, tense referido ás mulleres como a
columna vertebral da guerrilla. Da mesma opinión era Francisco Rey Balbís, con quen tiven
ocasión de entrevistarme en Cuba.

Actualmente sabemos que foi vital a súa colaboración para a continuidade das organizacións guerrilleiras porque, se se mantiveron durante tanto tempo, foi por contar cunha ampla rede de apoios, construída a base de complicidades ideolóxicas e compromisos persoais. Por iso as perseguían con saña. Foi moi numerosa a participación das galegas en traballos de enlace, sobre todo, porque non foron moitas as que pasaron á clandestinidade, á guerrilla do monte, para entendernos. As tarefas fundamentais que realizaban relacionábanse con labores de intendencia e asistenciais, con tarefas de loxística, accións fundamentais de resistencia, fortemente penadas, por outra parte: proporcionaban alimentos e roupa, medicinas; abrían novas casas de apoio onde refuxiárense os seus compañeiros de loita, tarefa importantísima cando xa estaban  as que os agachaban; trasladaban cartas ou avisos de todo tipo; vixiaban por onde andaba a Garda Civil... Outras realizaron delicadas misións, como introducir armas no cárcere de Ourense, caso da guerrilleira Consuelo Rodríguez López, aínda viva felizmente, que reside en Francia desde 1949 e vai cumprir dentro de tres meses 99 anos de idade. As actividades das enlaces eran extremadamente perigosas porque estaban permanentemente expostas e carecían de armas.

Das que estiveron na clandestinidade, case todas estaban armadas e participaron
nalgúns combates; fixeron gardas como os compañeiros; cargaron cos seus macutos nas
longas marchas nocturnas, participaron nas discusións políticas, traballaron na esfera da
propaganda… Mais só unha, Marita Gallego Abeledo, chegou a Comisaria política dun
destacamento da IV Agrupación.

Os golpistas encargáronse de tratar ás mulleres guerrilleiras como simples amantes de
“rojos”, “queridas de bandoleiros”. Esta degradación machista, tan frecuente na
Historia, segue a estar á orde do día? Se hoxe se repetira todo o que aconteceu a partir
do golpe de Estado, a nomenclatura empregada sería outra ou non mudaron tanto as
cousas?

Tras o golpe militar, e coa nova orde social do franquismo, as mulleres ficaron reducidas ao cumprimento dunha serie de roles tradicionais que as excluíron dos mecanismos de participación social e impúxose un modelo ideal feminino, apoiado pola Sección
Femenina  e pola Igrexa. Por iso, as mulleres que traspasaban as barreiras da domesticidade –como as guerrilleiras e, antes, as milicianas– representaban para os franquistas a antítese do que entendían debía ser una muller decente. Por outra parte, coa moral franquista houbo outras formas de humillalas porque, para desvalorizar a súa entrega á causa guerrilleira, ademais de referírense a elas como bandoleiras, eran consideradas como as queridas, as amantes dos guerrilleiros. Nas causas dos consellos de guerra teño atopada frases deste tipo ao sinalar os cargos que había contra elas: “estaba amancebada con…”, mantiña unha relación ilícita con…”, facía vida marital con…”, era a querida de..." Tratábase de desprestixiar as traxectorias destas mulleres que loitaban por un ideal; querían facer esquecer que tiñan o mesmo compromiso que os homes, aos que estaban unidas por lazos ideolóxicos, familiares, amorosos ou amistosos.

Foron guerrilleiras, non bandoleiras nen queridas dos seus compañeiros. Desde aquela
altura, as cousas mudaron, por suposto. Se botamos a vista atrás –persoas coma min, que
nacín e vivín no franquismo– recoñecemos avances. Mais sempre hai pitecántropos  que nos deixan abraiadas coas súas palabras. É posíbel que, aínda hoxe, alguén utilizase ese denominación, para responder á túa pregunta. Hai aínda moito machismo e moito que remover para eliminalo... Estamos niso, cada unha desde o ámbito en que cre que pode ser máis útil.

A represión física con resultado de morte sobre as mulleres en Galicia presenta
diferenzas con respecto aos homes, tanto no número menor de falecidas como na
represión implementada sobre elas, que non estivo guiada por unha lóxica de
exterminio ou de aniquilación. Había que ensinar ás mulleres como tiñan que
comportarse?

É certo o que dis de que houbo menor número de mortes de mulleres. Mais a vaga represora, que adoptou diversos rostros, foi especialmente cruel coas mulleres e, de maneira especial coas guerrilleiras, polas dimensións e a ferocidade dos métodos utilizados. A algunhas, por daren acubillo a fuxidos-guerrilleiros ou por negárense a dicer por onde andaba algún familiar, segáronlles a vida de forma violenta: aforcamento, afogamento, fusilamento e algunha até pereceu calcinada, Josefa Escourido Cobo, en Forcón- Perna Grande de Silán (Muras). Outras foron salvaxemente torturadas: no documental As silenciadas, dirixido polo meu fillo Pablo Ces e baseado no meu libro, recollemos testemuños estarrecedores. Unha muller dos Alvaredos (Montefurado), Carmen Rodríguez Nogueira, viúva de fusilado e enlace da guerrilla, foi salvaxemente torturada: colgárona dunha roldana coa cabeza abaixo e os pés arriba, arrincáronlle as uñas dos pés e das mans, queimáronlle as pestanas, as axilas, a vaxina, rapárona, déronlle palizas, abusaron dela... Fixeron con ela o que lles deu a gana. O cárcere de Quiroga, onde ela estivo a seguir da súa detención, foi unha verdadeira inquisición.

As que padeceron o sistema carcerario franquista ficaron marcadas de por vida por
aqueles anos de cautiverio que, para algunhas, se prolongou até os anos 60. As duras
experiencias penitenciarias das guerrilleiras galegas –que pasaron polos cárceres da Coruña,
Ourense, Lugo, Celanova, Bande, Quiroga, O Barco, Ponferrada, Astorga, Villafranca del
Bierzo, León, Amorebieta, Saturrarán, Ventas, Prisión Central de Segovia, Alcalá de
Henares– fican plasmadas nos testemuños recollidos en diferentes pasaxes do meu libro. O
mostrario de torturas é arrepiante: co eufemismo “fixéronlle de todo” algunhas fillas e netas
das que padeceron estas vexacións dan a entender, con toda clareza, que foron violadas aínda que non pronunciaron a palabra violación. Houbo abusos sexuais e outras torturadas porque se utilizou o corpo das mulleres como campo de batalla e como unha forma de humillación, cara elas e cara os seus homes ou mozos.

Mortes espantosas, persecución constante, exilio (que foi un baleiro irreparábel), desterro, outra forma de represión moi dura... A represión contra as mulleres, como che digo, foi brutal.

Estase facendo cargo a historia e a educación destas mulleres ou seguen a estar
inxustamente esquecidas?

Son franca, non se está facendo cargo nen a historia nen a educación, cando menos en Galiza. Durante todos estes anos fun, soa ou co meu fillo Pablo, a numerosos centros escolares a impartir charlas sobre as guerrilleiras e/ou a proxectar As silenciadas. Tivemos ocasión de comprobar o descoñecemento que había/hai sobre a guerrilla, en xeral, e sobre as guerrilleiras, en particular. Grazas á concienciación e sensibilidade do profesorado que me/nos convidaba, as e os escolares puideron visionar o documental e saber das mulleres que fixeron parte do movemento guerrilleiro como guerrilleiras da chaira ou como guerrilleiras do monte. Nos libros de historia non existen (a historia en máis ocasións das desexadas é moi androcéntrica) e tampouco na programación de moitos departamentos... E iso que, nos currículos escolares hai temas en que está especificamente sinalada a represión tras o franquismo e o movemento guerrilleiro. Mais, como soe acontecer, depende da vontade do profesorado o incluilo como materia de aula ou non.

Dende que somos nenas recibimos estímulos que forxarán o que seremos no futuro. A
nosa ambición, se cadra, vén dada por aquelo ao que nos ensinan que podemos aspirar.
Vostede falou da importancia que tivo no seu desenvolvemento persoal a descuberta das mulleres republicanas. En que medida nos mostran que podemos ser grandes mulleres?

Si, desde nenas, tanto desde a escola, como desde a sociedade e ás veces tamén no marco
familiar, vanse transmitindo unha serie de estereotipos de xénero, vanse conformando as
relacións asimétricas, xerárquicas, entre homes e mulleres e vaise clasificando e ordenando o
mundo de forma discriminatoria. Atopámonos cun pensamento androcéntrico (o home
considérase a medida de todas as cousas), constituido a través dun discurso igualmente
androcéntrico. A sociedade asigna diferentes papeis a nenas e nenos, porque as sociedades
non son neutras, como tampouco o son o pensamento e as palabras. Hai uns anos publicouse
unha interesante experiencia realizada por profesorado da Escola Superior de Educação de
Santarém con narrativas producidas con nenos e nenas de 3 a 5 anos, que revela que os papeis masculino e feminino reflicten imaxes moi diferenciadas e estereotipadas. Aquelas cativos e cativos dicían, por exemplo: “Ser pai é xogar con coches co fillo” // “É axudar ás nais a limpar”// Son Carolina. Teño 4 anos. Nacín ali abaixo. Son unha nena non sei por que. A
miña mamá é Isabel e o meu papá é Casimiro... Cando sexa grande como miña nai non
quero ser nada.

Hai moitos anos, máis de trinta, que estou centrada en investigacións de xénero. Como a miña área de especialización foi a lingua e a literatura galega e a súa didáctica, os primeiros anos traballei moito sobre o sexismo na linguaxe, nos estereotipos de xénero en dicionarios e nos medios de comunicación. Na década dos 90, xa me centrei na recuperación das historias de vida de mulleres galegas e foron vendo a luz diferentes libros. Hai dez ou doce anos que dedico parte considerábel do meu tempo á recuperación das mulleres represaliadas.

Neste sentido, e agora si respondo á segunda parte da túa pregunta, teño unha especial
querenza e admiración polas mulleres republicanas, mulleres loitadoras, defensoras da
liberdade, dos dereitos humanos; mulleres que foron a nosa voz, os nosos ollos e a nosa
esperanza mesmo antes de termos nacido. Mulleres que defenderon a República e pagaron
por iso, algunhas coa morte, outras co exilio, co cárcere, co desterro... Debeu influír, sen
dúbida, o trato e a amizade que tiven/teño con algunhas republicanas, sobre todo con María
Teresa Alvajar López, con Joaquina Dorado Pita (as dúas xa desaparecidas en 2016 e 2017
respectivamente), coa guerrilleira Consuelo Rodríguez López (Chelo). Elas son para min un
referente, unha luz que alumeou na escuridade, unha voz que rachou con moitos silencios.
Delas aprendín licións que nunca me ensinaron na universidade. E sigo a aprender con Chelo
porque, cada vez que falo con ela, non só reforzo as miñas conviccións, tamén me transmite
humanidade, sosego, paz. E liberdade, o tesouro máis prezado.

É de xustiza ter presente ás mulleres que acadaron éxitos na nosa historia do mesmo
xeito que temos aos homes. E fundamental para o noso imaxinario e desenvolvemento. É igual de necesario lembrar a aquelas que tiveron un peor final?

É de xustiza, si, recoñecer o labor das mulleres que abriron un camiño polo que agora
transitamos. Sempre insisto nunha idea cando falo destas cuestións: as mulleres de hoxe non
chegamos até aquí por xeración espontánea. Desde tempos moi recuados, mulleres de
diferentes lugares, orixes e condicións realizaron un importante labor no desenvolvemento
social e económico, científico e político e foron fundamentais para a economía familiar e a da
sociedade en que viviron. Elas foron as que deixaron a leira decruada e a semente botada para que as que viñeron despois atopasen os froitos. A historia non as nomeou, tampouco o
discurso oficial e académico, mais elas existían, estaban por todas partes, sempre presentes na sociedade do seu tempo... E cada unha, desde o seu ámbito de ocupación, deixou unha
esteira, un ronsel que se converteu en búsola orientadora para as futuras xeracións. E non me
refiró só ás mulleres, digamos, excepcionais, ás máis coñecidas, como Rosalía de Castro ou
Maruxa Mallo, por citar dous exemplos. Nas miñas investigacións, sempre sigo un criterio
globalizador, non elitista, e ao lado das que acabo de citar, hai tamén outras grandes, anónimas durante moito tempo que fixeron as súas achegas desde outros ámbitos, como o dos oficios, poño por caso.

Ao ocuparse do devir das galegas sería imperdoábel non lembrar as represaliadas e,
dentro delas, as que tiveron, como dis, un peor final, mulleres que se entregaron á defensa dos valores democráticos, violentados pola forza das armas, na década de 1940 e comezos dos 50. Recuperar a súa memoria, dar voz a un silencio tan prolongado no tempo, coñecer a dureza das súas traxectorias dentro daquel movemento, aprender da súa dignidade, sufrimento,humanidade, é un exercicio ben gratificante. Elas habitaron os espazos do silencio durante moitos anos, demasiados. Era hora de facerlles xustiza.

Elsa Omil, veciña de Marín pelada polos falangistas en 1936
Elsa Omil, veciña de Marín pelada polos falangistas en 1936 | Fonte: Jerez Recuerda
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta