Christian Piñeiro, o guitarrista que substitúe a Roi (OT2017) na nova xira da orquestra Olympus

Amósase consciente da "moita responsabilidade" que supón sustituir a un "icono" do 'talent show' de Telecinco, e asegura que Roi "ten un estilo moi comercial", polo que "terá saída segura" no mercado musical.

Por Ángela Precedo | Negreira, A Coruña | 31/07/2018 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A traxectoria musical de Christian Piñeiro comeza no Brasil, no ano 2000, cando formou un grupo de rock cuns cantos amigos. É dicir, pese a estar agora no mundo da verbena e da orquestra galega, onde o rock adoita ser, cada vez máis, un xénero secundario, pola gran explosión dos ritmos latinos, os seus comezos foron neste estilo musical máis propio dos anos oitenta. Dende ese momento, a guitarra pasou a ser parte da súa persoa, como unha prolongación de sí mesmo. "A guitarra significa e sempre significará moito na miña vida", asegura o músico.

Christian Piñeiro sobre o escenario da orquestra Olympus.
Christian Piñeiro sobre o escenario da orquestra Olympus.

Christian, procedente das filas de formacións como Samba (2006), Superfama (2006-2007), D'Moda (2008-2012), Olympus (2012-2014) ou Compostela (2016-2017), defínese a si mesmo coma unha persoa "puntual, responsable e amable". Guitarrista da grande orquestra galega Olympus dende este ano 2018, converteuse no sustituto do xa recoñecido internacionalmente Roi Méndez, concursante de Operación Triunfo nesta a súa última edición. 

O músico galego, que reside na actualidade na localidade coruñesa de Negreira --de onde tamén é orixinaria a orquestra Olympus-- apunta que o seu maior obxectivo é "chegar a ser produtor musical dalgunha formación", profesión que actualmente case non existe, debido a que moi poucas orquestras teñen temas propios que poidan ser xestionados. "De momento non se leva este posto, pero pronto estará de moda", chancea o guitarrista.

GUITARRISTAS DE REFERENCIA

Entre os seus referentes ao longo da súa traxectoria, Christian nomea a figuras como Ozielzinho, Gustavo Guerra e Richard Rosales. En concreto, Ozielzinho --nome artístico de Oziel Alves Filho de Alencar-- (Bacabal, 1980) é un guitarrista brasileiro coñecido polo seu talento e virtuosismo, e recoñecido nacionalmente polos seus vídeos ensinando ou facendo 'performances' de temas da súa propia autoría.

Christian Piñeiro sobre o escenario da orquestra Olympus.
Christian Piñeiro sobre o escenario da orquestra Olympus.

Pola súa banda, Gustavo Guerra, tamén outro guitarrista brasileiro, conta con máis de 25 anos de experiencia dentro do mundo da música e actualmente imparte clases particulares de guitarra, ademais de ser 'endoser' --figura de reclamo publicitario-- dalguhnas marcas de guitarras--, como Crafter Guitars e Nig Strings, e de tocar en feiras de música e 'workshops'.

Finalmente, Richard Rosales é o clásico guitarrista da recoñecida banda de música tropical arxentina Ráfaga, moi vinculado ao mundo da verbena e cuxos temas nunca pasan de moda entre os repertorios das orquestas, repetíndose ano tras ano sen cansar ao público asistente.

RELACIÓN CON ROI, DE OPERACIÓN TRIUNFO

Ao respecto de Roi, o agora cantante a nivel nacional e xa recoñecido a nivel internacional tras o seu paso por Operación Triunfo 2017, procedente das filas da orquestra Olympus, Christian asegura que para el "é un bo compañeiro de gremio". Roi Méndez Martínez --orquesta Principal (2012-2014), Galilea (2015), Olympus (2015-2017)--, guitarrista e agora tamén cantante galego nado en Santiago de Compostela, saíu deste 'talent show' musical de Telecinco pola porta grande, co lanzamento o pasado 15 de xuño do seu primeiro sinxelo, 'Por una vez más'.

Por iso, Christian Piñeiro móstrase consciente de que "é moita responsabilidade substituir a un icono do programa OT, pero con moitísimo traballo e dedicación conséguese o que sexa". Sobre a súa opinión respecto ao futuro que lle agarda a Roi, Christian cre que "Roi ten un estilo moi comercial", polo que "terá saída seguro" no mercado da música. E, pese a que os comezos de Roi foron tocando a guitarra, do mesmo xeito que os seus, considera que "seguramente o seu soño sexa cantar e non tocar a guitarra".

ORQUESTRA OLYMPUS

A orquestra Olympus está radicada en Negreira e, co paso do tempo, chegou a ser considerada polo público como unha das mellores orquestas de Galicia, situada no quinto posto no ranking realizado polos usuarios de 'Orquestas de Galicia', a aplicación imprescindible para todo verbenero que se precie.

Así, a formación foi crecendo aos poucos, con humildade e talento. Nos inicios, fíxoo como un pequeno grupo, con moita ilusión e ganas, onde a base de traballo e esforzo deron o gran paso de ampliar o seu tamaño e converterse en orquestra. Deste xeito chegaron até o día de hoxe, conseguindo éxitos e soños inalcanzables para moitos e impensables para eles mesmos anos atrás.

A súa filosofía baséase en ofrecer un grande espectáculo a todos os niveis, en canto a escenografía, luminotécnica, coreografías impactantes, pirotécnica, sorpresas e, sobre todo, moita ilusión e música de calidade, cun total de 15 compoñentes sobre o escenario. Un grande equipo de profesionais ofrecendo o mellor de sí mesmos cada noite para lograr que todos os que vaian ver á orquesta pasen un intre agradable con todos eles.

Polo que respecta ao seu traballo, asinaron xa catro discos, varios DVD en vivo, máis de 200 actuacións cada tempada, 24 horas de directo en 2007 para entrar no libro 'Winess World Records', por ser o grupo de música que máis horas seguidas actuou no mundo, ou as máis de 25 horas de concerto en 2008, coa colaboración de diferentes artistas como Astarot, Toñito de Poi, Miguel Torres, Eva Carreiras, Rocío Caamaño ou Pili Pampín, entre moitos outros. Todos estes e moitos outros logros avalan á Olympus nesta traxectoria musical inigualable.

Christian Piñeiro sobre o escenario da orquestra Olympus.
Christian Piñeiro sobre o escenario da orquestra Olympus.
Christian Piñeiro sobre o escenario da orquestra Olympus.
Christian Piñeiro sobre o escenario da orquestra Olympus.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta