Vinte e un anos de cómic mirando ao Atlántico

Os vinte e un anos do Festival Viñetas do Atlántico son a proba evidente da consolidación dunha idea que, para moitos e moitas afeccionadas e autoras, é xa un referente no mundo do cómic. O certo é que, logo de comezar como un escaparate para a creación estatal e local, hoxe en día este evento está no circuito dos mellores festivais de cómic a nivel internacional.

Por Moncho Mariño | A CORUÑA | 06/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A idea de Viñetas desde o Atlántico nacía hai dúas décadas para crear un escaparate, un lugar onde expoñer os traballos tanto de autores e autoras propias, que daquela estaban comezando a traballar nun mundo tan  pouco apreciado laboralmente como é o do cómic. A cousa foi indo a máis e logo destes catro lustros, algúns dos deseñadores e deseñadoras que comezaran achegando os seus traballos naqueles primeiros días, agora son figuras relevantes dentro da creación gráfica.

Kiosko Alfonso nunha edición de Viñetas desde o Atlántico
Kiosko Alfonso nunha edición de Viñetas desde o Atlántico | Fonte: wikipedia

“Viñetas funcionou como un escaparate, como un aglutinador para diferentes propostas individuais e colectivas xa existentes en Galicia” di Miguelanxo Prado, autor el e tamén unha das persoas que se involucraron na creación do Festival e hoxe en día director artístico do mesmo. Prado coincide tamén en que “foi o acontecemento que presentou ao público en xeral a autores descoñecidos que comezaban e tamén trouxo á cidade os modelos que se estaban introducindo no mundo da banda deseñada”.

TODAS AS OPCIÓNS

A variedade que inclúe Viñetas desde o Atlántico é parte do atractivo que quere ofrecer a visitantes e expositores. Unha breve viaxe arredor das diferentes propostas así como estilos e variacións sobre un mesmo tema. Así, a inclusión dos diversos xéneros que pode tratar a banda deseñada quere deixar claro que hai unha oportunidade para cada unha das diferentes visións que compoñen a narración gráfica.

Nunca quixemos ser un salón especializado senón aberto a todas as opcións e isto trae canda si que o propio festival sexa un elemento dinamizador para a xente nova que está comezando” di Miguelanxo Prazo. Isto tradúcese na presenza de autores noveis que terán a oportunidade de compartir espazo con sinaturas xa consagradas. E ademais diso “tamén lles ofrecerá aos noveis a posibilidade de coñecer alternativas e oportunidades que doutro xeito non coñecerían”. Nese sentido, como apunta Prado, o festival resulta ser unha acción cómplice para a saída dos diferentes estilos achegados á Coruña.

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, na inauguración de Viñetas desde o Atlático 2018
Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, na inauguración de Viñetas desde o Atlático 2018 | Fonte: Europa Press

AUTORES E AUTORAS

Sobre os autores e autoras que participan nesta edición, a grande pegada no cartaz de 2018 é “que todos e todas son artistas estatais” sinala José Manuel Sande, concelleiro de Culturas do Concello de A Coruña, quen tamén apunta que este distintivo demostra “a madurez e a calidade do cómic galego e español é tal que xa se pode asumir un reto como é o de crear unha edición con autores unicamente estatais e galegos”.

As figuras que se poden nomear van desde José Ramón Sánchez, David Rubín, Josep Pons, Cristina Durán ou Mamem Moreu entre outros. Especial mención ten este ano a presenza do deseñador gráfico José Ramón Sánchez, quen fora unha figura recoñecida por facer deseños en programas de televisión en directo durante os setenta e primeiros oitenta. “Sánchez tamén é recordado por ser o deseñador dos carteis electorais para o PSOE nas primeiras municipais, que son a día de hoxe unha xoia” remarca Miguelanxo Prado. “Pero o feito de estar nesta edición é que xa octoxenario presenta neste salón o seu primeiro cómic, unha versión de Moby Dick”. Pero tamén estará Ángel de la Calle, que con “Pinturas de Guerra” acadou o premio de mellor libro ilustrado no Salón del Cómic de Barcelona.

Non obstante, se se debera resaltar figuras están as autoras de cómic que se achegan ao salón este ano. “Todas ellas son autoras de cómic feminino, non polas temáticas, senón por seren traballos feitos por mulleres, non por outra razón” sinala Prado, “Josep Pons foi quen levou adiante a ilustración da saga Millenium, sobre as novelas de Stieg Larsson, pero outra persoa que estivo detrás da ilustración desta triloxía foi Belén Ortega”.  Por outra parte, Mamen Moreu sería segundo Prado “unha representante do novo underground mundial, o cómic feito polos millenials con historias sobre como conciben o mundo onde viven”.

A CIDADE

O primeiro Viñetas desde o Atlántico contou coa presenza de autores de fóra do estado, o que lle quería dar unha proxección internacional. “Hoxe por hoxe podemos dicir que si, que A Coruña forma parte dun circuito internacional xunto con Barcelona, un grande referente e outros como Anguleme” responde José Manuel Sande. “Este é un evento referencial e sinalado. Creo que se fixo un bo traballo durante todos estes anos porque conseguiu un lugar onde a cultura é ben recibida”. As palabras de Sande queren indicar que xunto ao festival de cómic están a Feira do Libro, as festas e o Xardín dos Libros.

“O que buscamos é converter o xardín de Méndez Núñez nun espazo cultural, e para iso cada ano se está traballando para constituir un espazo cunha maior consolidación dentro dunha programación do mes de agosto moi completa” en referencia ás diferentes ofertas culturais durante ese mes. Sobre o futuro, Sande considera que “a dirección artística con Miguelanxo Prado diante, dá estabilidade e coherencia a unhas liñas de traballo que están xa consolidadas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta