Por X.M. Barreiro | Lugo | 27/04/2011
Trátase, lóxicamente, de garantir a equidade, de que todos os candidatos, cumpridos os requisitos de partida establecidos para poder optar a participar no proceso de selección, compitan en igualdade de condicións e que, finalmente, os que sumen máis méritos, e acrediten maior capacidade e competencia no ámbito da praza á que concurren, reciban tamén a puntuación máis alta.
Para evitar que estes procesos sexan obxecto dalgún tipo de “contaminación”, chamémoslle eufemísticamente así, por exemplo, á posibilidade de que as bases do proceso se fagan á carta ou que mesmo os integrantes dos tribunais poidan tendenciosamente decantarse por uns aspirantes en detrimento doutros, fíxanse algúns preceptos básicos a cumprir. Establécese, por exemplo, que os cargos políticos, por razóns obvias, non participen nestes procesos.
Pese a elo, no caso da Deputación de Lugo hai quen se salta as normas e agocha o manifesto incumprimento do procedemento amparándose en subterfuxios. Así, Luis Rodríguez Edrosa, secretario de organización do PSOE a nivel provincial e director do Inludes; José Carlos Ferreiro, alto cargo na executiva socialista en Lugo capital e asesor técnico no Inludes; e Miguel Ángel Fernández, alcalde de Triacastela e director da granxa Gaioso Castro, integran os tribunais dalgunhas das prazas que a dministración provincial sacou a concurso.
E coma poñer ó zorro a gardar as pitas, polo que o resultado desa selección vai acabar por ser bastante previsible. Tanto, que non resultaría moi difícil vaticinar qué aspirantes acabarán por facerse coas prazas que se sacan a oposición con só tomar coma referencia a súa vinculación política ou familiar.
Así as cousas, a verdade é que despois de que en non poucas ofertas de emprego convocadas pola Deputación as entrevistas persoais foran sobrevaloradas a costa de infravalorar os méritos académicos e que integrantes das candidaturas socialistas acabaran por ocupar moitas desas prazas, non sorprende que agora, a poucas semanas da celebración dunhas eleccións, se poña en marcha con premura otro proceso de selección de traballadores. Un proceso que, non hai que esquecer, estivo paralizado, vía xudicial e a instancias dos propios socialistas, durante catro anos. E non sorprende tampouco que os tribunais avaliadores estén integrados, como xa indiquei, por membros destacados dentro do organigrama do Partido Socialista, previamente colocados, polo mérito extra de ser quen son, en postos relevantes da propia institución.
Pero porque non sorprenda, dados os antecedentes, a situación non deixa de ser censurable. É rizar o rizo ata uns límites inaceptables, que, estou convencido, terán consecuencias moi graves.