Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2018 | Actualizada ás 17:35
O xuíz do número 1 de Carballo decidiu prisión provisional e sen fianza para o home que supostamente matou á súa muller de tres disparos na cabeza o pasado domingo en Cabana de Bergantiños (A Coruña).
Segundo informaron fontes xudiciais, os fillos que o matrimonio tiña en común foron citados a declarar como prexudicados. No entanto, as súas comparecencias foron pospostas despois de que decidisen nomear a un avogado particular.
A vítima trátase dunha muller duns 50 anos que morreu ao recibir tres disparos na cabeza efectuados por detrás cun revólver sen licenza. Non constaban denuncias previas por malos tratos na parella e o matrimonio estaba en proceso de separación, tal e como explicou este luns o Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.
Este crime, que foi confirmado como un caso de violencia machista, produciuse entre as 17,00 e as 18,00 horas do domingo no ámbito dunha discusión familiar. Ao levantamento do cadáver acudiu unha xuíza de garda do número 3 de Carballo.
No que vai de ano, son xa tres as mulleres asasinadas a mans das súas parellas en Galicia e 26 en España, unha cifra que se eleva a 950 en todo o Estado desde que existen datos sobre estes casos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.