Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/08/2018 | Actualizada ás 12:11
Un centenar de veciños, na súa maioría afectados directamente polos tres parques eólicos que se queren instalar en Coristanco, Carballo e Santa Comba reuníronse este martes convocados pola plataforma veciñal "NON Eólicos Bustelo - Campelo - Monte Toural”. O tema a tratar, entre outros, eran as liñas de evacuación que transportarán a electricidade producida ata a subestación situada no Mesón do Vento.
Nesta reunión tamén estiveron presentes persoas que, aínda que os seus terreos non están dentro da área dos futuros parques, se consideran afectadas polas consecuencias negativas destas instalacións. Así mesmo, acudiron á cita representantes de distintos grupos políticos que amosaron o seu respaldo ás reivindicacións da veciñanza.
Puxéronse en común as alegacións que se están xa a presentar por parte da veciñanza. Nelas recóllense puntos referidos ao impacto negativo para a contorna a nivel de saúde debido á contaminación dos campos electromagnéticos e o ruído dos parques eólicos asociados a estas liñas. A veciñanza tampouco esquece que a instalación destas infraestruturas afectaría de xeito grave tamén a nivel medioambiental, xa que, ademais da deforestación da contorna, existen varias especies, tanto animais como vexetais, que poderían verse danadas. Moitas delas están recollidas no catálogo de especies protexidas e, algunhas, coa categoría de especies en perigo de extinción.
Ademais disto, na sesión tamén se debateron propostas de posibles actuacións futuras, que, segundo a plataforma, pasan por "seguir sumando apoios tanto da veciñanza como de todo tipo de colectivos e, por suposto, das institucións públicas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.