Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/08/2018 | Actualizada ás 10:00
O Fútbol Gaélico e a Rapa das Bestas de Sabucedo fixéronse oco no Centro Galego da Habana. Alí, Pablo García "Chichas", membro da asociación Irmandinhos de A Estrada, foi recibido pola presidenta da sociedade ‘Hijos de A Estrada’, Gódula C. Rodríguez Señarís; o estradense Manuel Barros López, e o presidente da sociedade O Valdouro, Manuel Alvárez.
No encontro, Pablo García fixo entrega das camisetas dos equipos estradenses e trasladoulles a importancia que está tendo o fútbol gaélico en Galicia nos últimos anos. Así mesmo, tamén compartiu a tradición da Rapa das Bestas de Sabucedo e ensinou algúns dos exemplares das revistas ADN Sabucedo e GREA, está última editada por Irmandinhos A Estrada, embaixadores da rapa. Estas dúas publicacións forman parte dun proxecto de carácter social do club, que conxuga deporte e cultura e no que se explica a historia do Fútbol Gaélico e da Rapa das bestas. Chega a distribuírse internacionalmente a través da GAA (Asociación de xogos gaélicos).
Ademais, tamén se fixo entrega de varios exemplares do libro da primeira edición do concurso de cartas de amor “Can Valentín”. Así mesmo, e por encarga do profesor Carlos Loureiro, Pablo García entregou ao escritor Manuel Álvarez un exemplar do libro escrito polo “bardo” habanero, con poemas en lingua galega, “Versos de amor, loita… e compromiso”. Coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o poemario editouse pola Editorial Fervenza e presentouse en Arteixo, onde naceu o pai do poeta cubano-galego, nun acto amenizado polo concerto de Roi Casal titulado ‘Son galego, son cubano’. Nel actuaron músicos galegos e cubanos que puxeron melodía ás letras de Xosé Neira Vilas.
Pola súa parte, Álvarez Fuentes entregou un exemplar do seu oitavo libro adicado a dos heroes cubanos fillos de españois, José Martí e Fidel Castro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.