A subdelegada do Goberno en Pontevedra pide non buscar "rendemento electoral" nos afectados da explosión de Tui

Pide "autocrítica" e "coherencia" ás institucións, á vez que descarta a responsabilidade do Executivo central e da Deputación

| 30/08/2018 | Actualizada ás 20:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, pediu este xoves que non se busque "rendemento electoral" coa explosión pirotécnica de Paramos e lembrou que existe o compromiso do Executivo central coa axilización das axudas aos veciños damnificados desta parroquia de Tui.

Neste contexto, Maica Larriba subliñou que o Goberno mostrou toda a "comprensión e solidariedade" coas persoas afectadas "e o propio presidente, Pedro Sánchez, comprometeuse a axilizar todos os trámites das axudas".

Con todo, a subdelegada lembrou que os procesos na Administración "son os que son e moitas veces gustaríanos que fosen moito máis rápidos". "Pero somos os primeiros que temos que respectar a Lei e facela cumprir", suxeriu.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, xa anunciou a súa decisión de acampar todos os luns do mes de setembro na Alameda de Pontevedra, fronte ás sedes da Deputación e da Subdelegación do Goberno, co obxectivo de presionar a ambas as administracións "para que cumpran os seus compromisos con Paramos".

Esixe ao Goberno central que aprobe en Consello de Ministros a declaración de Paramos como zona afectada por unha emerxencia de Protección Civil, sen a cal quen cobren axudas para a reconstrución de vivenda deberán tributalas o próximo ano cunha penalización de entre o 20 e o 40 por cento do recibido.

Así, a subdelegada indicou que "o alcalde de Tui sabe perfectamente e está ao tanto" do traballo do Goberno neste asunto e que "a Administración do Estado está envorcada en resolver os problemas dos veciños de Tui afectados", apuntou.

"O que non podemos facer é tirarnos os trastes unhas administracións contra as outras contra un obxectivo que é escarbar para obter un rendemento electoral, eu contra iso vou estar sempre", dixo.

"NON USAR UNHA TRAXEDIA"

Igualmente, animou a todas as administracións involucradas neste suceso a colaborar activamente na resolución do problema "e a non usar unha traxedia da veciñanza e os seus mortos nunha liorta política" aínda que "como non pode ser doutra maneira", expresou o "máximo respecto polas decisións individuais que cada un adopte como maneira de traballar e defender a súa veciñanza".

Larriba tamén fixo un chamamento ás institucións para que sexan capaces de facer "autocrítica" e que "asuman as súas responsabilidades" para que un incidente como o ocorrido nesta parroquia de Tui, que contaba cun almacén ilegal de pirotecnia, "non volva ocorrer". A iso engadiu que "a administración do Estado e a administración provincial non teñen absolutamente ningunha responsabilidade na existencia de instalacións de pirotecnia ilegais en ningún lugar da Comunidade Autónoma", polo que chamou "á reflexión".

"Cada administración debe ser coherente coas súas responsabilidades e activar os seus mecanismos, como son presentar a documentación que lle corresponde para obter as axudas que solicitan ou axilizar os trámites urbanísticos para a reforma da zona afectada", destacou Larriba.

A subdelegada lembrou que desde a administración periférica está a traballarse "intensamente" e "en silencio" para a xestión das axudas de emerxencia solicitadas. Segundo informou, "nalgúns casos as tramitacións retárdanse", pois das 41 solicitudes de axuda que se presentaron na institución que dirixe tan só 15 tiñan a documentación completa, tendo que ser requirida aos particulares e ao propio Concello de Tui para que a completen.

"Esta Subdelegación do Goberno non pode tramitar os expedientes sen que os afectados presenten toda a documentación esixida", insistiu Larriba.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta