Un corte de tráfico en Lugo e inundacións nas rúas de Ourense por mor das fortes choivas

O 112 Galicia rexistrou incidencias de diversa consideración por mor das fortes choivas e tormentas que tiveron lugar este sábado na zona de Lugo e Ourense,.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2018 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

O 112 Galicia rexistrou incidencias de diversa consideración por mor das fortes choivas e tormentas que tiveron lugar este sábado na zona de Lugo e Ourense, e que causaron, entre outras, un desprendemento de terra que cortou a circulación do tráfico e varias inundacións en establecementos e rúas.

Fortes chuvias causan inundacións nas rúas
Fortes chuvias causan inundacións nas rúas | Fonte: Facebook

En concreto, segundo sinala Emerxencias de Galicia, ás 18.20 horas, aproximadamente, produciuse un desprendemento de terra no termo municipal lucense de Negueira de Muñiz, que impediu a circulación de varios vehículos na estrada que une Barantes e Foxo, á altura de Barcela.

Os ocupantes dos turismos, dous menores e catro adultos, tal e como apuntou o 112 Galicia, foron recollidos por dous vehículos do persoal de incendios. Ademais, está previsto que durante este domingo se desprace até o punto unha máquina escavadora para restablecer a circulación na vía e que as persoas poidan retomar a marcha nos seus vehículos.

O 112 tivo constancia dos feitos a través da chamada dun particular e puxo a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e do servizo de mantemento da estrada.

INUNDACIÓNS EN OURENSE

Así mesmo, as precipitacións provocadas polas tormentas, tal e como sinalou Emerxencias de Galicia, ocasionaron inundacións en diferentes puntos da cidade de Ourense, sen que se rexistrasen danos persoais.

Por este motivo, varios particulares contactaron co 112 Galicia sobre as 19.30 horas da tarde do sábado para alertar de varios baixos comerciais alagados na Avenida Marcelo Macías; así como da caída de árbores, arquetas levantadas por mor da acumulación de auga e inundacións nas rúas Río Arnoia e Avilés de Taramancos, nas avenidas de Marín, Santiago e Otero Pedrayo, ou na ponte da Valenzá a Marcelo Macías.

Os xestores do 112, ao recibir as alertas, puxeron os feitos en coñecemento dos bombeiros de Ourense e da Policía Local deste mesmo municipio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta