Máis de 300.000 persoas visitaron o Parque Nacional Illas Atlánticas este verán

A maioría das visitas foron para as illas Cíes. A Xunta estima que o novo sistema de reserva para controlar o cupo "funcionou adecuadamente".

Por E.P. | VIGO | 13/09/2018 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

O Parque Nacional Illas Atlánticas recibiu, entre xuño e agosto, a 325.417 visitantes, segundo os datos que deu a coñecer este xoves a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Ana María Díaz, quen precisou que se trata dunha cuantificación "preliminar", á espera de coñecerse os datos do final da campaña de verán. Estas cifras supoñen un aumento no número de visitantes do 4,1 por cento con respecto ao ano pasado, cando houbo 312.420 visitas, e reflicten que o mes de maior afluencia foi agosto.

Illas Atlánticas recibiron máis de 325.000 visitas no verán. XUNTA DE GALICIA
Illas Atlánticas recibiron máis de 325.000 visitas no verán. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Como é habitual, o arquipélago de Cíes é o destino preferido, con 205.168 visitantes (un 8,2 por cento máis que en 2017), mentres que o resto de turistas repartíronse entre Ons, Sálvora e Cortegada. No caso de Cíes, onde o número de visitantes aumentou en agosto pero descendeu en xuño e xullo, a maior parte de turistas accederon mediante transporte en navieiras (máis de 144.400), e case 18.000 pasaron a noite no cámping.

CONTROL DA COTA

Así, sostén a Xunta, "máis de 160.000 persoas adaptáronse ao novo sistema de acceso implantado", que require a reserva previa, polo que "se evitaron os problemas detectados o verán pasado", cando se venderon billetes de barco por enriba do cupo permitido de visitas ás illas.

Ana María Díaz explicou que, en termos xerais, o sistema "funcionou adecuadamente", e permitiu o control de acceso. En todo caso, a Xunta analizará as suxestións dos usuarios para facer cambios no deseño da páxina de internet na que se reservan as visitas, para facer esta ferramenta "máis intuitiva e navegable". En canto á procedencia dos visitantes ás Cíes, un 79 por cento foron españois, dos que un 36 por cento eran galegos. O 21 por cento dos turistas que visitaron as illas foron estranxeiros.

PLAN REITOR DE USOS E XESTIÓN

Por outra banda, con respecto ao Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque, a directora xeral avanzou que, a finais de setembro, celebrarase unha reunión do Padroado na que se presentará o texto final do documento. O Plan, que foi sometido a información pública, recibiu 87 alegacións e, na actualidade, "estase a rematar a valoración das mesmas".

Unha vez superado ese trámite, o proxecto de decreto polo que se aproba o PRUG someterase aos informes preceptivos, entre os que están o do Comité de Coordinación e Cooperación de Parques Nacionais, o do Consello da Rede de Parques Nacionais, e o do Consello Galego de Medio Ambiente. A previsión é poder aprobar en 2018 o decreto do Plan Reitor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta