O Parlamento de Galicia investigará os "recortes" en sanidade e pedirá que compareza Feijóo

Acordo entre todos os grupos da oposición para forzar ao PP a que explique os recortes en sanidade que "provocan mortes", non só no PAC da Estrada, senón nos casos de Hepatite C. O PP acúsaos de "desprestixar" a sanidade pública e di que Abel Caballero "está detrás".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2018 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Os portavoces do tres grupos da oposición --Ana Pontón (BNG), Luís Villares (En Marea) e Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG)-- presentaron a petición conxunta para que se constitúa, na Cámara galega, unha comisión de investigación sobre os "recortes" en sanidade por mor da morte dunha persona no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada cando non había ningún médico.

Pontón (BNG) Villares (En Marea) e Leiceaga (PSdeG)
Pontón (BNG) Villares (En Marea) e Leiceaga (PSdeG) | Fonte: Europa Press

A última reforma do regulamento do Parlamento permite á oposición constituír de forma automática unha comisión de investigación por lexislatura e, neste sentido, pediron ao PP que non "boicotee" o desenvolvemento deste órgano parlamentario coa súa maioría absoluta. Así, unha das comparecencias que pedirán serán a do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, xunto con outros colectivos implicados --como colexios médicos-- e plataformas de defensa da sanidade pública.

Na comisión --cuxa petición se fará formalmente o luns--, os grupos da oposición tamén aspiran a esclarecer non só o ocorrido na PAC da Estrada, senón tamén casos como as mortes de enfermos de hepatites C, un caso que xa investiga a xustiza e polo que están imputados por homicidio dous altos cargos do Sergas. "Queremos que todo o mundo teña voz nesta comisión", manifestou, na súa intervención, o portavoz parlamentario socialista, quen tamén apuntou a necesidade de analizar os problemas de pediatría e os cambios nas áreas sanitarias (despois da supresión das comarcais).

Luís Villares advertiu de que o falecemento dun home na PAC da Estrada "foi a pinga que colmou o vaso". "Sabemos que non foi o primeiro, pero esperamos que sexa o último", subliñou, antes de reprobar a situación "infame" da situación da sanidade e quen criticou a "soberbia" do PP que "non está disposto a escoitar ao país que sofre".

"A política sanitaria de Feijóo está a acabar coa saúde da cidadanía. E a cidadanía de Galicia está farta e pídenos que reaccionemos", aseverou Villares, quen preguntou se "vale a pena todo este aforro en termos de vidas humanas" para responder que "non" e que "non debería estar en política ninguén" que non o crea así.

"Estamos a falar de algo tan importante como o dereito á saúde das persoas, que é tanto como falar do dereito á vida das persoas", manifestou a deputada nacionalista na rolda de prensa de presentación desta iniciativa, na que denunciou que está "a devaluar" a sanidade. Ana Pontón indicou que levan "moito tempo dicindo que os recortes matan".

Na súa intervención, Villares quixo subliñar a unidade da oposición ao redor desta petición, que vén despois de que no pleno do Parlamento do pasado mércores tanto En Marea como BNG expuxesen esta investigación e de que, este xoves, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, avanzase contactos neste sentido.

OS TEMPOS DA COMISIÓN

Os grupos da oposición consideran que, a pesar de estar no ecuador da lexislatura, esta comisión "chega a tempo", a pesar de experiencias previas como a das caixas que leva varios anos paralizada sen un ditame. As conclusións dunha comisión de investigación poden ser obxecto de remisión á xustiza se se detectan indicios de delito e nelas hai obrigación de veracidade nas comparecencias.

Pontón sostivo que non debería haber impedimentos nesta comisión se "non hai nada que ocultar", mentres que Leiceaga tamén apostou por ir paso a paso e confiou en poder dialogar co PP para establecer un programa que permita desenvolver os traballos.

REACCIÓN DO PP

Núñez Centeno, que saudou que o regulamento do Parlamento permita este tipo de comisións "a diferenza" doutras administracións (en referencia a Vigo ou A Coruña), lamentou que a oposición "tente dar unha imaxe de desprestixio á sanidade pública", pero considerou que servirá para "desmontar as falacias" que se verten nesta materia.

Así, avanzou cuestións como que o Galicia ten "o orzamento máis alto en sanidade, a maior porcentaxe da historia, e as mellores listas de espera". Tamén conta cunha Lei de garantías de esperas máximas e a libre elección de médico.

"Por suposto non temos nada que obxectar, colaboraremos coa oposición para que esta comisión non sexa exclusivamente para deostar ao Goberno da Xunta", subliñou Centeno, quen non quixo entrar no caso concreto da PAC da Estrada, que se está investigando por parte de Inspección Sanitaria e cuxa resolución entende que sería o "primeiro" que habería que saber antes da comisión de investigación.

ABEL CABALLERO "ESTÁ DETRÁS"

Máis contundente se amosou o secretario xeral del Partido Popular, Miguel Tellado, que suxeriu que é o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, o que está "detrás" desta decisión, co obxectivo de "esconder o seu sentido de culpa" polo accidente do Marisquiño.

"Nós respectamos as decisións da oposición, mesmo cando son tomadas desde Vigo, por Abel Caballero, desde fóra do Parlamento, cando temen no seu partido que se poida coñecer o que pasou no Marisquiño", respondeu en rolda de prensa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta