Por E.P. | SANTIAGO | 17/09/2018 | Actualizada ás 14:35
O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinaron este luns o convenio de colaboración entre Concello e Xunta para a cesión gratuíta dunha parcela para construír unha residencia de persoas maiores no barrio compostelán de Fontiñas.
Durante a firma do acordo, o alcalde da capital galega destacou que se trata de "un día importante", xa que con este convenio "sinálase a guía do camiño para a construción" dunha residencia que era "necesidade na cidade dende hai anos", así como "un compromiso do Goberno galego reiterado nos últimos anos".
Así, indicou que "se pon a disposición da Consellería de Política Social un terreo de máis de 3.000 metros cadrados no barrio de Fontiñas, á beira da parcela onde estará a futura biblioteca María Miramontes". "É un emprazamento bo, nun barrio referente da cidade", asegurou, e engadiu que tamén é un lugar "bo para cubrir con esa necesidade". O centro disporá dun total de 120 prazas.
Deste xeito, Noriega explicou que "agora toca desenvolver o convenio por parte tanto do concello como da Xunta para os anteproxectos e nas futuras licitacións, establecido e explicitado ese compromiso para que poida ser posible". Ante esto, apelou ao "clima de colaboración institucional para cristalizar ese compromiso". Respecto diso, incidiu en que Santiago é "unha cidade onde o consenso é absolutamente necesario".
Finalmente, agradeceu ao conselleiro de Política Social o "trato excelente", así como aos responsables do departamento para asinar este convenio, aos que tamén agradeceu a súa "colaboración". No acto estiveron presentes tamén a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García; e a concelleira de Benestar Social do Concello de Santiago, Concha Fernández.
UNIDADES ESPECIALIZADAS, XERIÁTRICAS E PSICOXERIÁTRICAS
Pola súa banda, Rey Varela destacou que "é un pracer asinar este convenio", xa que "supón unha tramitación moi importante de algo que non ten marcha atrás: a construción dunha nova parcela para maiores en Santiago". "A colaboración que hoxe se plasma na firma deste convenio vén precedida de colaboración de carácter técnico moi intensa", asegurou.
Ademais, incidiu en que Santiago cede uns terreos nos que "hai que construír esa nova residencia de maiores nun barrio de desenvolvemento importante, como é Fontiñas", e que terá "3.000 metros cadrados e 120 prazas".
Así mesmo, indicou que disporá como novidade de "unidades xeriátricas e psicoxeriátricas diferenciadas; e zonas específicas para aloxar, coidar e traballar con residentes con deterioracións e trastornos cognitivos severos, facilitando así a súa correcta atención e mellorando a calidade asistencial". "Non só se trata de facer residencias, queremos residencias urbanas e moi especializadas tamén, por iso estas unidades específicas", aseverou.
Nesta mesma liña, o conselleiro de Política Social aludiu tamén á creación dunha "zona social", con "espazos para a convivencia, desenvolver actividades e recibir visitas", o que supón "maiores activos", que son "os principios fundamentais da política social deste século". Neste senso, apuntou tamén á incorporación de "salas de rehabilitación, psicoloxía, farmacia e unidades de enfermaría", entre outras.
PLAN 'COMO NA CASA'
Rey Varela destacou que esta actuación se inclúe no plan 'Como na casa', aprobado polo Consello da Xunta ao comezo deste mandato, que destinaba un total de 900 prazas no conxunto de Galicia para "responder a unha demanda existente neste momento de cambio social importante".
"Os maiores cada vez supoñen, non só cualitativa, senón cuantitativamente, unha importante porcentaxe da nosa poboación, neste momento o 24% da poboación galega ten máis de 65 anos, pero tamén cualitativamente, porque os maiores cada vez son máis activos e queren participar máis, estar máis integrados na vida social e urbana", reivindicou.
Por iso, incidiu en que esta "oferta" se "completará nesta lexislatura, para que moita xente que está a esperar por praza pública non teña que esperar". "Non imos escatimar en medios económicos para facelo realidade", asegurou.
RESIDENCIA TERMINADA AO FINAL DA LEXISLATURA
Polo que respecta aos prazos do proxecto, o conselleiro de Política Social indicou que, "como en toda infraestrutura importante, os prazos virán determinados en primeiro lugar polo anteproxecto construtivo".
Así, indicou que estas residencias "terán un altísimo nivel de calidade, como deben ser os servizos públicos", polo que se puxeron "requirimentos de carácter técnico" alto. "Preocúpannos máis as persoas que os edificios, pero ás veces os continentes son moi importantes tamén para os contidos", asegurou.
Por iso, sinalou que a súa intención é "ter o anteproxecto antes de que termine o ano" e "logo virá a licitación", que "será a que marque o prazo de construción". "O tempo exacto non o dicimos os responsables políticos, téñeno que dicir os técnicos", asegurou.
"Aínda a nivel autonómico estamos na metade da lexislatura e aí andarán os prazos xustos para o final das obras", indicou, e engadiu que "imos facelo con seriedade, os anteproxectos ímolos a ter moi rápido".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.