En Marea e PSdeG ven "insuficientes" os cambios no Goberno galego

Luís Villares lamenta que non fose cesado o conselleiro de Sanidade, mentres que Gonzalo Caballero reduce a "un cambio de cromos" a remodelación do Executivo galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2018 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

A remodelación do Goberno que lidera Alberto Núñez Feijóo non contentou, como era de agardar, nin a En Marea nin a PSdeG. Para Luís Villares, perdeu a oportunidade de destituír á fronte de Sanidade a Jesús Vázquez Almuiña, a quen xulgou "responsable" da morte dun home no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada o pasado mes de agosto. Mentres, para o líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, non é máis ca un "cambio de cromos" e o portavoz do seu grupo parlamentario, Xoaquín María Fernández Leiceaga, tachouna de "moi insuficiente".

Consello da Xunta
Consello da Xunta | Fonte: Xunta.

"O máis grave desta remodelación é o que non se fixo, que foi destituír de forma fulminante ao conselleiro de Sanidade. Entendemos que Feijóo o mantén porque é a única maneira de apoiarse a si mesmo", afirmou Villares. Na súa opinión, "o máis importante" era "sancionar politicamente a quen era responsable dos recortes e estaba a causar tanto sufrimento á poboación".

Ademais, o dirixente de En Marea cre que tanto a saída de Ángeles Vázquez do departamento de Medio Rural como a de Román Rodríguez á fronte das competencias en materia de Educación certifican o "fracaso" do Goberno de Feijóo en ambos ámbitos. Así, fixo referencia á vaga de incendios de outubro do ano pasado e á xestión en xeral dos incendios, así como aos "problemas" en canto ao profesorado, ao transporte ou aos comedores para falar de "mala xestión".

Finalmente, Villares tamén interpretou que a saída de Beatriz Mato e de José Manuel Rey Varela do Executivo galego confirman "o uso partidario e absolutamente sectario das consellerías para facer promoción persoal a favor das súas candidaturas", unha actitude que lembrou que En Marea denunciou "en todo o último ano".

Do lado socialista, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou de "cambio de cromos" a remodelación de Goberno acometida este mércores por Alberto Núñez Feijóo, mentres que o portavoz do seu grupo parlamentario tachouna de "moi insuficiente", por non cambiar tamén ao titular de Sanidade ou designar a un conselleiro que atenda a "unha nova política de emprego".

Caballero censurou que Feijóo "cambia de conselleiros en función de intereses que cre que lle poden funcionar ao PP", para que se presenten ás municipais de maio de 2019 aos até agora responsables de Política Social, José Manuel Rey Varela, e de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que serán candidatos en Ferrol e A Coruña, respectivamente.

"Pero o cambio de cromos non arranxa os problemas da Galicia real, non cambia as políticas públicas da Xunta nin rectifica os seus erros e o PP segue sen ter equipo para desenvolver un proxecto de interese para a maioría da cidadanía", afirmou o dirixente socialista.

Ao seu xuízo, o presidente da Xunta e do PPdeG sabe que o seu partido "corre o risco de non gobernar en ningunha das sete cidades galegas" a partir de maio de 2019 e "cambia os conselleiros da Xunta en función do interese do PP" para tentar "salvar os mobles", porque os populares están "nunha caída electoral sen precedentes en España e en Galicia".

"OPORTUNIDADE PERDIDA"

Pola súa banda, Leiceaga manifestou a "decepción" dos socialistas con esta remodelación en "clave basicamente interna no PP" e lamentou que "non atende ao fundamental", que sería "resolver as deficiencias que ten o actual Goberno de Feijóo".

Na súa opinión, "perdeuse a oportunidade de pór en marcha unha nova política sanitaria" e argumentou que, postos a dividir as competencias dun departamento, o "razoable" era crear unha consellería específica para dotar de "políticas efectivas" o emprego, que definiu como "a principal fonte de preocupación para os cidadáns de Galicia".

Ademais, atribuíu o recambio no medio Rural ao "fracaso das políticas do PP" nesta área e sinalou que o novo conselleiro, o deputado José González Vázquez, ten por diante a tarefa de "desmontar as políticas e estruturas que até agora non deron resultado, singularmente a política forestal e a política antiincendios".

Leiceaga mostrouse tamén "preocupado" pola substitución no medio Ambiente, porque cre que a traxectoria de Ángeles Vázquez á fronte de Medio Rural, carteira que ocupaba até agora, demostran "pasividade e falta de competencia" para a defensa ambiental de Galicia.

En canto á substitución en Política Social, o portavoz parlamentario dos socialistas recoñeceu que Rey Varela mostrou "un talante diferente", aínda que puntualizou que os resultados prácticos da súa política son "un fracaso". Por iso, non cre que a súa substituta, Fabiola García Martínez, até agora directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, teña a capacidade de pór en marcha políticas "máis centradas nos problemas sociais".

Ademais, dixo ver "con certa preocupación" o nomeamento de Carmen Pomar Tojo á fronte de Educación, "non pola súa cualificación técnica", senón "pola súa proximidade a visións máis elitistas sobre o modelo educativo e proximidade ao ensino privado", polo que avanzou que os socialistas van someter a súa xestión a escrutinio "para evitar que se produza distorsión no modelo de ensino público".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta