Temas: PAISAXE ALLARIZ

Allariz, fermoso, florido e con xardíns de cine

O concello pode ser recoñecido, pola súa ornamentación, como o máis bonito de Galicia no concurso "Vilas en Flor" e prepara xa o vindeiro concurso de xardíns do 2019 no que o cinema será o tema central.

Por X.M. Fernández | Allariz | 04/10/2018 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

Allariz está nomeada no concurso ‘Vilas en Flor’, promovido pola Fundación Juana de Vega coa colaboración da Asociación de Viveiristas do Norte e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería. Nesta orixinal iniciativa búscase escoller o concello máis bonito pola súa ornamentación, valorando o xurado aquelas intervencións municipais relacionadas con actuacións medio ambientais, obras de axardinamento, estética floral e integración do mobiliario urbano nos espazos públicos.

Alcaldesa e membros do xurado diante da Casa do Concello. Fonte: Concello de Allariz
Alcaldesa e membros do xurado diante da Casa do Concello. Fonte: Concello de Allariz

Tras a visita técnica realizada o martes polos membros do xurado, a vila do Arnoia espera poder engadir un recoñecemento máis ao seu currículo de boa xestión municipal.

Festival Internacional de Xardíns de Allariz

Paralelamente a este nomeamento, o concello de Allariz prepara xa a vindeira edición deste evento que cada ano mellora en calidade e recibe máis interesados, máis de 40.000 visitantes de media estes últimos anos.

O título da décima edición do Festival Internacional de Xardíns, que terá lugar no 2019, será “Xardíns de Cine”. Sobre este tema terán que xirar as propostas dos deseñadores que queiran concursar, sendo o prazo límite para recepción das mesmas o 30 de novembro.

Entre as propostas recibidas, un xurado de expertos composto polas organización máis importantes do paisaxismo: asociación, profesionais, deseñadores, artistas e o sector comercial escollerá os dez proxectos de xardíns que serán os executados e exhibidos como finalistas en 2019.

 

Temas: PAISAXE ALLARIZ
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta