Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2018 | Actualizada ás 13:14
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avalou este venres aos dous cargos denunciados por Fiscalía por suposta coacción inmobiliaria. "Pode haber erros, pero o que sempre se antepón é o interese xeral", aseverou, en presenza da secretaria xeral técnica do seu departamento.
Na rolda de prensa no Parlamento para presentar as contas galegas para 2019, xunto a todo o seu equipo, o titular de Facenda afirmou ter un "coñecemento moi profundo" das dúas persoas involucradas, e defendeu que o que "sempre se antepón é o interese xeral".
Así, explicou que as persoas afectadas "foron contactadas persoalmente" e ofrecéuselles un "aluguer equivalente" ou a indemnización correspondente, pero alegou que o obxectivo era o "ben superior", o "ben xeral", para tratar de "aforrar" gasto en alugueres á administración na provincia de Ourense.
Por iso, mostrou a estes funcionarios, como a "calquera outro" da administración, a súa "máxima defensa porque o seu proceder tanto persoal como sobre todo profesional está en defensa dos intereses da comunidade autónoma".
COLABORACIÓN COA XUSTIZA
Ademais, engadiu que a consellería "sempre" colaborará coa xustiza no que lle requira e explicou que cando o fiscal contactou con el respondeulle ao que lle preguntou, coa mesma "vehemencia" que mantén noutros ámbitos da súa vida.
"E estamos onde estamos", agregou, para finalizar insistindo: "nunca nos moven actuacións de carácter persoal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.