Falece o pai de Mariano Rajoy aos 97 anos

Foi presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra entre 1969 e 1986.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/11/2018 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O pai do expresidente do Goberno Mariano Rajoy, Mariano Rajoy Sobredo, faleceu este xoves aos 97 anos de idade, segundo informaron fontes de Moncloa. Mariano Rajoy Sobredo naceu en Santiago de Compostela o 28 de agosto de 1921 e dedicou a súa vida profesional á xudicatura. Entre 1969 e 1986 foi o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Mariano Rajoy Sobredo
Mariano Rajoy Sobredo | Fonte: Wikipedia

Desde que se licenciou en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1943 e aprobou as oposicións de acceso á xudicatura, estivo destinado en distintos xulgados de Primeira Instancia e Instrución de Galicia.

En 1958 ascendeu á categoría de maxistrado e dous anos despois trasladouse a León onde desenvolveu a súa carreira profesional durante dez anos. A finais de 1969 foi nomeado presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, onde permaneceu até a súa xubilación en 1989, aínda que foi substituído no cargo de máxima responsabilidade tres anos antes. En outubro do ano pasado a Audiencia de Pontevedra rendeulle unha homenaxe que contou coa asistencia de numerosos representantes da carreira xudicial e fiscal.

Debido ao delicado estado de saúde de Mariano Rajoy Sobredo, este chegou a vivir no Pazo da Moncloa co seu fillo. O pai do expresidente do Goberno tamén foi condecorado con Cruz Distinguida de Primeira Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort.

PRIMEIRAS REACCIÓNS

Alberto Núñez Feijóo traslada o seu cariño a Mariano Rajoy tras a morte do seu pai, "un home bo". O secretario xeral do PSdeG tamén envía as súas condolencias á familia.

"O meu pésame e todo o meu cariño para @marianorajoy e toda a súa familia tras o falecemento do seu pai. Un home bo. Descanse en paz. ANF", reza a mensaxe que o presidente galego colgou na súa conta de Twitter tras coñecerse a noticia.

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, empregou a súa conta de Twitter para trasladar un "sentido pésame" a quen "foi presidente do Goberno de España", Mariano Rajoy, e á súa familia, tras o falecemento do seu pai. "Trasladámoslle as nosas condolencias e pesar en momentos que sempre son duros", reza a mensaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta