Consternación en Viveiro pola riada que deixa unha falecida e máis de 40 familias afectadas

O Delegado do Goberno indicou que serán as autoridades locais quen tomen as decisións oportunas logo de analizar o estado da vila.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O municipio lucense de Viveiro amenceu "consternado" despois da intensa choiva rexistrada na noite deste domingo, que provocou o desbordamento do río Ponte Lombarda e causou unha tromba de auga que deixou unha falecida e máis de 40 familias afectadas por danos. A alcaldesa desta localidade, María Loureiro, mostrou a "tristeza" e "consternación" do Concello ante unha situación "coa que non se contaba" e que foi "totalmente imprevisible".

Morre unha muller como consecuencia do desbordamento dun río en Viveiro (Lugo). Pedro Agrelo/ EUROPA PRESS / Europa Press
Morre unha muller como consecuencia do desbordamento dun río en Viveiro (Lugo). Pedro Agrelo/ EUROPA PRESS / Europa Press

E é que, a pesar de que as intensas choivas rexistradas a partir das 10,30 horas da noite acabaron desbordando o río e provocando unha tromba de auga, non estaba activada ningunha alerta por este fenómeno meteorolóxico adverso na zona. Este episodio provocou o falecemento dunha señora de 83 anos e decenas de danos materiais, con máis de 40 familias afectadas por danos de diversa índole, especialmente no barrio de Xunqueira.

OFICINA DE ATENCIÓN ÁS VÍTIMAS

Para atender aos afectados, que a subdelegación do Goberno cifra en máis de 40 familias, o Concello de Viveiro habilitou unha oficina e pediu aos particulares que presenten unha declaración dos danos acompañado dunha reportaxe fotográfica para facilitar a petición das axudas. Precisamente, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, pediu ao Consistorio que empece a "facer as valoracións" dos danos causados polas riadas para poder tramitar as axudas que permite o Real Decreto de Emerxencias.

"Será a corporación a que, unha vez teña un estudo de todos os danos tome as decisións que vexa oportunas", apuntou Losada após ser preguntado polos xornalistas en relación ás inundacións ocorridas na zona de Xunqueira. Losada, que trasladou a súa "solidariedade" á familia da vítima así como ao resto de afectados por esta catástrofe, ofreceu toda axuda do Goberno ao Concello de Viveiro: "Neste momento o Real Decreto de Emerxencias está a disposición do Concello de Viveiro e das persoas afectadas", asegura.

Segundo informou o delegado, a situación vaise "normalizando" na zona centro da localidade; mentres que o resto de puntos "xa se está rebaixando o nivel de inundación". "Desde a Delegación do Goberno estamos a facer todo o apoio con Policía Nacional e Protección Civil, e cos temas administrativos precisos", sinala Losada.

VIVENDAS UNIFAMILIARES

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, explicou que as labores se centran neste momento en tratar de limpar as vivendas afectadas que, segundo indicou, na súa maioría son casas "unifamiliares". Ademais da zona de Xunqueira, a subdelegada explicou que está afectado o convento de Valdeflores e ofreceu todo o seu "apoio" á alcaldesa María Loureiro, após a visita ao Concello.

Nos traballos participan os bombeiros, efectivos de Protección Civil, a Policía Local e a Policía Nacional, así como os veciños. Ademais, a Xunta enviou varias pas para colaborar na limpeza dunha zona na que tamén traballan os técnicos de Augas de Galicia. Ademais, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, avanzou que se desprazará ás 17,00 horas xunto a técnicos provinciais á zona para colaborar no que sexa necesario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta