Novo obxectivo da Brilat: "instruír e adestrar" ás forzas armadas de Mali

Parte da brigada 'Galicia VII' integrarase nun continxente multinacional ordenado pola Unión Europea. Neste país operan importantes continxentes do Daesh.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2018 | Actualizada ás 10:08

Comparte esta noticia

Uns 80 soldados da Brigada 'Galicia VII', coñecida como a Brilat, partiron este martes cara a Mali desde o aeroporto de Lavacolla, en Santiago, nunha misión da Unión Europea de seis meses de duración que consistirá en "instruír, adestrar e asesorar" ás forzas armadas do país africano.

Uns 80 soldados da Brilat parten do aeroporto de Lavacolla cara a Mali
Uns 80 soldados da Brilat parten do aeroporto de Lavacolla cara a Mali | Fonte: Europa Press

Así o explicou, en declaracións aos medios minutos antes do embarque, o tenente coronel Ignacio Armada de Losada, quen tamén apuntou que o obxectivo da misión é que o exército maliano sexa "capaz e autosuficiente de poder xestionar" a seguridade do país.

En concreto, despregarase na rexión de Kulikoró un continxente multinacional de aproximadamente 250 homes, a maioría do grupo táctico 'Zamora', baixo as ordes do tenente coronel Armada de Losada. Este grupo incluirá españois --algo menos de 200--, checos e alemáns, principalmente. Así, da Brilat serán uns 150.

O voo que partiu desde Lavacolla é o primeiro desta misión en Mali. Unha vez alí, os 80 membros da Brilat uniranse a máis persoal que tamén embarcou este martes desde o aeroporto de Madrid. Ademais, a semana que vén partirá o último grupo de soldados da brigada galega.

DESPEDIDAS

Na zona de facturación, centenares de persoas despedíanse dos seus familiares entre bágoas, pois non os volverán a ver até dentro de medio ano, aproximadamente até maio.

A maioría dos soldados contaban con experiencia en misións internacionais. "Xa somos veteranos, pero iso non quita que collamos o avión cun pouco de nervios", declarou a Europa Press un dos militares, mentres suxeitaban aos seus dous fillos pequenos, quen admitiron que van botar "moito de menos" ao seu pai.

Pola contra, si había quen embarcaba nunha misión de tal envergadura por primeira vez. Un deles, que se despedía da súa muller con longos abrazos, vese "preparado" e "con ganas" de ver como é Mali, aínda que vaticina que os traballos alí van ser "duros".

Dos case 100 soldados en Lavacolla, apenas unha decena eran mulleres. "Claro que é importante e positivo para a brigada incluír mulleres nas filas", reivindicou unha delas, mentres que outra das súas compañeiras admitiu sentirse "unha máis" entre tantos homes: "Aos poucos estase e irase normalizando".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta