Vox quere comerlle espazo electoral ao PP galego

Critica duramente que os populares galegos aprobaran unha iniciativa de En Marea para que as nenas non sexan obrigadas a levar só saia nas escolas. A Consellería de Educación estuda como se pode aplicar a recomendación do Parlamento para que se poida escoller pantalón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2018 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

O PPdeG saíu a defenderse na rede social Twitter das críticas que o presidente de Vox, Santiago Abascal, fixo ante a iniciativa aprobada no Parlamento de Galicia, a proposta de En Marea, para que as nenas poidan escoller entre saia ou pantalón cando no centro escolar sexa obrigatorio o uniforme.

O PPdeG deféndese das críticas do presidente de Vox sobre o uniforme. PANTALLAZO TWITTER
O PPdeG deféndese das críticas do presidente de Vox sobre o uniforme. PANTALLAZO TWITTER | Fonte: Europa Press

Nun tuit, o presidente de Vox apela ao líder do Partido Popular, Pablo Casado, para preguntarlle se é "unha broma ou é de verdade" que os populares "van empezar a dicir aos colexios como teñen que ser os uniformes". "Sóavos iso da "liberdade dos pais para elixir a educación dos seus fillos"? Deixade ás familias e aos nenos en paz", tuiteou o presidente de Vox.

Á marxe doutros comentarios, o PPdeG contestou que os "pais das alumnas terán LIBERDADE para decidir se as nenas van á escola con saia ou pantalón". "Non vemos necesario impor a saia á muller. Vós si? Que medidas disciplinarias aplicariades a unha moza por levar posto un pantalón nun colexio?", replican os populares de Alberto Núñez Feijóo en resposta a ese comentario, no que tamén se menciona a Pablo Casado.

INICIATIVA APROBADA NO PARLAMENTO

A proposición non de lei aprobada insta á Xunta de Galicia a "implantar e aplicar" todas as medidas normativas e regulamentarias para que, a partir do seguinte curso escolar, "todos aqueles centros educativos que decidan que o alumnado leve uniforme escolar non obriguen a un código de vestimenta diferenciado por sexo entre alumnas e alumnos, contemplando en todo caso a opción de que as alumnas poidan elixir acudir ao centro educativo con pantalón".

Fontes da Consellería de Educación consultadas por Europa Press, manifestaron que a aprobación da proposta aínda é moi recente e que aínda teñen que "estudar" como se aplicará a iniciativa á que insta o Parlamento de Galicia. En todo caso, é unha proposición non de lei, polo que non obriga ao seu cumprimento ao Goberno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta