SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2018 | Actualizada ás 22:30 por EUROPA PRESS
O portavoz municipal do PSdeG-PSOE no Concello da Coruña, José Manuel García, anunciou que apoiará "como un militante máis" á recentemente elixida candidata socialista á Alcaldía herculina, Inés Rey, mentres que valorou o "exemplo de xogo limpo e compañeirismo" dado polo partido no proceso de elección do seu cabeza de lista para as eleccións locais do 26 de maio.
En declaracións a Europa Press, o que resultou segundo nas primarias locais valorou que este procedemento é "unha mostra de que o Partido Socialista está vivo", a pesar das diferenzas no seo da formación que, segundo destaca, "hoxe xa están salvadas".
Así, García agradeceu a todas as persoas que votaron pola súa candidatura, a quen lles pediu "que poñan o mesmo empeño" en apoiar a Inés Rey nos meses de campaña: "Tivo un respaldo maioritario, eu felicítoa, vai ser unha gran candidata".
Preguntado sobre cal vai ser o seu papel no grupo municipal tras a vitoria da súa adversaria, respondeu que "iso hoxe non toca", pois "quedan uns meses aínda de lexislatura". "En calquera caso, Inés ten a liberdade de deseñar o mellor equipo que estime oportuno. Hai unha chea de talento no Partido Socialista e eu creo que van facer as cousas ben", manifestou.
Así as cousas, adiantou que o seu papel será o de axudar como un militante máis a que se consiga o obxectivo" que teñen "todos" no PSOE da Coruña, que é "o mesmo que ten" Inés Rey: "Recuperar o Pazo de María Pita".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.