Avances para que o navegador Firefox estea tamén en galego

Traduciuse o instalador para o sistema operativo Microsoft Windows, as páxinas informativas desta versión e a integración do corrector ortográfico de galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/11/2018 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O navegador Firefox tamén pode estar en galego en breve. PuntoGal presentará no Culturgal a súa nova liña de colaboración en proxectos de localización de software en galego e de ferramentas TIC útiles para a comunidade.

Neste caso, fíxose un proxecto piloto para patrocinar a tradución e mellorar as ferramentas do navegador Firefox. En colaboración co coordinador das traducións ao galego en Mozilla, Enrique Estévez, e co Proxecto Trasno, que agrupa aos tradutores ao galego de proxectos de software libre, PuntoGal propiciou a posta ao día completa da última versión do navegador (v65), tradución que manteñen voluntarios da comunidade, para que poida ser utilizada en galego.

Segundo apunta esta entidade nun comunicado, recuperouse o 100% da interface incluíndo parte das súas funcionalidades que nunca fora posible ter adaptadas aos galegofalantes, obtívose unha memoria de tradución que será reutilizable publicamente, traduciuse o instalador para o sistema operativo Microsoft Windows, as páxinas informativas desta versión e a integración do corrector ortográfico de galego tamén na súa última versión (a 18.04). A presentación desta iniciativa terá lugar no Espazo Foro de Culturgal o sábado, día 1 de decembro, ás 13:30 horas.

Nos vindeiros meses, o dominio activará novos proxectos destas características en colaboración con persoas e entidades vinculadas á rede en Galicia. Anteriormente, o dominio xa puxo en marcha un acurtador (i.gal) e un sistema de envío de arquivos (velaquí.gal) en colaboración coa dinahosting.

PuntoGal alcanzou esta mesma semana ós 4.900 dominios rexistrados. O aumento dos últimos días débese en parte á campaña lanzada con motivo da Mobile Week.

Navegador Firefox
Navegador Firefox

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Salgueiro

Alédome! Grazas.