Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/12/2018 | Actualizada ás 11:03
Os traballadores da fábrica de Alcoa na Coruña iniciaron unha campaña de recollida de xoguetes en colaboración con Cruz Vermella. Ademais, este venres levarán a cabo unha campaña informativa nos mercados municipais sobre a súa situación ante o anuncio de peche da planta.
Segundo informou o comité de empresa, a recollida de xoguetes será a quinta que realizan, aínda que neste caso nun contexto de mobilización social despois de que a multinacional decidise pechar esta planta e a de Avilés (Asturias).
De feito, esta campaña, en colaboración con Cruz Vermella, iniciouse no ano 2014 cando a empresa presentou tamén un expediente de regulación de emprego (ERE) de extinción que, finalmente, non se materializou. Nesta ocasión, a recollida estenderase até o 20 de decembro. Os xoguetes entregaranse o día seguinte.
Esa mesma mañá visitarán os mercados da praza de Lugo, de San Agustín e de Elviña para dar a coñecer a situación que atravesa a planta coruñesa. Para iso, repartirán dípticos e carteis informativos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.