Sen escusas

Zapatero estase a quedar sen excusas para non facer uso da súa persoal potestade de convocar eleccións xerais. Pero empecínase, como fai sempre, en negar o evidente. E iso que ata Felipe González advirte e recoñece que a situación de España é de emerxencia.

Por X.M. Barreiro | | 27/06/2011

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno “en funcións”, solapado xa pola sombra do seu delfín Alfredo (máis preocupado e ocupado en tentar arranxar os tumultos da casa socialista que os do país como manifestamente quedou demostrado estes últimos días), constata e ata case recoñece que as reformas en profundidade, anunciadas e aplicadas cando menos en parte, para superar a crise económica na que estamos sumidos non resultan nin tan penetrantes nin tan reconstituintes como sería desexable. Non solucionan os graves problemas ós que nos enfrontamos e soliviantan aínda máis ós perxudicados que, non o esquezamos, son maioría.

A incertidume semella xa unha luva feita á medida, un compeñente máis da idiosincrasia da nosa economía. O risco do contaxio grego planea sobre os máis débiles e, non neguemos o obvio con eufemismos, nese pelotón dos rezagados europeos España ocupa a primeira fila.

Hai uns meses Rodríguez Zapatero comparaba a prima de risco cun marcapasos con capacidade para medir o nivel de efectividade das reformas económicas adoptadas para recompoñer a delicada situación que vive o país. Pois ben, o marcapasos bota fume. A prima de risco achégase ós 290 puntos básicos, rozando xa o máximo histórico acadado en novembro do pasado ano cando se situou nos 300 puntos.

O tipo de interese que hai que pagar polo bono español a 10 anos (pola nosa débeda pública en definitiva) aproxímase perigosamente ó seis por cento. E é pertinente ter moi presente que un punto máis suporía inevitablemente un rescate. Non son augurios de catástrofe apocalíptica improbable, que ninguén se equivoque. É unha posibilidade crudamente tanxible.

Cando un goberno nunha situación tan crítica como a actual amósase incapaz de aplicar unha política que reporte solucións non é momento de perder máis tempo senón de actuar, de recoñecer e asumir a realidade, de analizar sen dilación cómo e qué podemos salvar. E creo que o punto de partida pasa, sen máis demora, por un adianto electoral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Manuel Barreiro Foi conselleiro de Medio Ambiente e vicepresidente da Xunta de Galicia no último goberno de Manuel Fraga. Actualmente é o presidente do PP de Lugo e membro da dirección do PPdeG. O seu blog blog