Por Europa Press / Redacción | VIGO | 12/12/2018 | Actualizada ás 14:26
O comité de empresa do estaleiro vigués Vulcano alertou este mércores de que a histórica factoría está abocada á liquidación se non consegue pechar esta semana o financiamento necesario para terminar o ferri que están a construír para Transmediterránea.
Así o trasladou, en declaracións aos medios após manter unha reunión co alcalde de Vigo, o presidente do comité, Nicolás Sangabriel, quen puxo sobre a mesa unha data clave: este venres 14 de decembro, día en que se celebra unha reunión en Santiago de Compostela, con presenza de representantes da administración autonómica, entidades públicas de crédito, dos propietarios do barco (Banco Santander), da armadora (Transmediterránea) e do cadro de persoal.
Sangabriel explicou que a situación de Vulcano é "moi delicada", os traballadores levan 2 meses sen cobrar e a entrega do ferri atrasouse por problemas na construción derivados dos "danos ocultos" que tiña o barco cando chegou ás bancadas de Vigo, e que encareceron e retardaron os traballos.
Segundo sinalou, entre outros problemas, o proxecto de construción era xa "moi complexo" e a iso engadíronse dificultades no funcionamento dun motor que xa estaba instalado cando o barco chegou a Vigo.
UNS 10 MILLÓNS PARA ACABAR O FERRI
O presidente do comité estimou que Vulcano necesitaría uns 10 millóns de euros para finalizar o barco e apuntou que, co financiamento resolto, o estaleiro está en condicións de acabar o traballo "en 5 ou 6 semanas".
Por outra banda, lembrou que, após un proceso complexo de concurso, a empresa está agora suxeita ao cumprimento dun convenio de acredores e que, se non chega de inmediato o financiamento para rematar o ferri, os responsables deben pedir a liquidación porque "se non, estarían a incorrer nunha ilegalidade".
Nicolás Sangabriel lembrou que, despois dese concurso de acredores, o cadro de Vulcano leva case 5 anos e medio sometido a expedientes de regulación temporal de emprego, xa que había "moi pouca actividade" no estaleiro. Ademais, lamentou que, á marxe do ferri de Transmediterránea, "non hai perspectivas de novos contratos".
APOIO DO ALCALDE
Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, trasladoulles o seu apoio aos traballadores deste estaleiro que "forma parte da historia de Vigo", e apoiou a súa pretensión de acabar o ferri para saíren da súa "situación límite".
O rexedor instou a que se busque unha solución "polo bo nome" da empresa e da propia industria naval galega e española, e advertiu de que, se non se acaba de construír ese barco, resultarán prexudicadas tamén moitas empresas auxiliares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.